publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Lousame inviste 33.000 euros na mellora dos accesos á aldea de Pousada dende Sanguiñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame está a investir un total de 33.610 euros na mellora dos accesos á aldea de Pousada dende Sanguiñal (Tállara). Unhas obras que inclúen a reparación dun muro de 30 metros de lonxitude, que se fará sobre a base doutro muro preexistente na zona, xusto a carón da estrada DP-1104 Boiro-Noia. O muro actual, de 1,5 metros de alto, dará paso a outro de 2,5 metros de alto e con bloques de pedra de granito que evitarán a escorrenta de terras sobre a estrada.

Así mesmo, o Concello de Lousame reparará as fochancas ao longo dos douscentos metros de traxecto, perfilando as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, e mellorando a capa de rodaxe a través dun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma da pista. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, indica que as obras supoñen unha importante mellora para os veciños e veciñas da zona xa que “tal e como estaba a pista ata o de agora, especialmente cando chove e caía terra sobre a calzada, facía moi complicado o acceso de vehículos de emerxencias e ambulancias, cousa que quedará resolta con estes traballos”. 

Estas obras están incluídas nun proxecto conxunto coa reparación do camiño entre Zaramagoso e o Límite co Concello de Boiro (Fruíme), por importe de 49.279 euros, e financiados a través do Plan de Aforro e Investimento PAI 2015 da Deputación Provincial da Coruña.

19 de novembro de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.