publicidade hoxe

López Abella incide na importancia de mellorar a situación das mulleres rurais cunha igualdade real de oportunidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Capela
A-
A+
López Abella na presentación das xornadas na Capela

López Abella na presentación das xornadas na Capela

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella incidiu hoxe na importancia de mellorar a situación das mulleres rurais impulsando unha igualdade real de oportunidades, xa que segundo explicou a falta de oportunidades e as e as dificultades para acceder a servizos de apoio e infraestruturas no medio rural, están na base dos principais problemas aos que se enfrontan as mulleres rurais.

López Abella participou hoxe na inauguración da Xornada “Atrévete contigo mesma”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, cuxa finalidade é o empoderamento, tanto a nivel persoal como a nivel profesional, das mulleres socias vinculadas a cooperativas para que se animen a participar en ámbitos empresariais públicos, como a cooperativa da que forman parte, tendo en conta que son as titulares das explotacións gandeiras, en moitos casos, as que traballan e gobernan, e ademais son as que deberían participar con voto directo na asemblea da cooperativa, onde se dirimen as decisión empresariais máis importantes e que van afectar plenamente nas súas explotacións gandeiras.
Dende a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo explicou a súa titular, traballase para mellorar a situación das mulleres rurais, polo que é fundamental entender o seu valor, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.

As emprendedoras rurais son exemplo de innovación, creatividade, lograron profesionalizarse e incorporarse ao mercado laboral, á vez que son motor da economía rural. Por iso, destacou López Abella hanse de promover novos avances na corresponsabilidade social, que contribúan a deconstruir os vellos estereotipos que aínda perpetúan as desigualdades, pechar as brechas no ámbito laboral e apoiar a capacidade das mulleres para ocupar postos de decisión. É necesario impulsar a incorporación de plans ou medidas de igualdade nas institucións, organismos, empresas, cooperativas, organizacións profesionais, e grupos de acción local.

18 de novembro de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.