publicidade hoxe

Igrexafeita métese no mundo das novas tecnoloxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Aula da Rede CeMIT de San Sadurniño iniciou hoxe en Igrexafeita unha nova rolda de cursos itinerantes polas parroquias co obxectivo de facilitarlle á xente, especialmente á de máis idade, o achegamento ás tecnoloxías da información e do coñecemento. Neste curso introdutorio ás TIC participan 12 persoas en dous grupos, un que comeza desde cero e outro que xa ten coñecementos básicos adquiridos en anteriores accións formativas. Calquera entidade de San Sadurniño interesada en organizar unha actividade deste tipo só ten que contactar coa responsable da aula no teléfono 616 016 793.

En Igrexafeita abordaranse tres grandes bloques de contidos. O primeiro deles será unha introdución á informática e á Internet na que as persoas participantes coñecerán o funcionamento do ordenador e empezarán a manexalo navegando pola rede. Trátase de que os usuarios e usuarias -na súa maioría persoas sen coñecementos previos e cunha media de idade elevada- lle perdan o medo á tecnoloxía e que vexan as posibilidades que ofrece. De feito, a aula itinerante dotouse recentemente de ordenadores portátiles con pantalla táctil. Un cambio tecnolóxico que fai avanzar a formación moito máis rápido posto que quen teña máis dificultade pode saltar o adestramento da coordinación ollo/man/rato/pantalla.

Porén, a oferta da Aula nesta parroquia tamén inclúe un bloque dedicado á administración electrónica. Nel o alumnado poderá ver cantas cousas se poden facer sen ter que moverse da casa, como pedir vez para o médico, consultar os puntos do carné de conducir e outras pequenas xestións.

O último dos apartados formativos do curso versará sobre fotografía e imaxe dixital. A responsable da aula, Carmen Suárez, explica desde hoxe como tomar boas instantáneas cunha cámara compacta ou cun móbil e despois guiará ao alumnado sobre o proceso de publicación en internet: a descarga no ordenador, a edición básica e o seu almacenamento para o uso en redes sociais, blogs, falamedesansadurnino.org ou para mandarllas por correo á familia.

Este curso de Igrexafeita desenvólvese no local da A.VV. Adiante os luns, mércores e venres con dous grupos cada día, un de 10 a 11.30h. e outro de 12 a 13.30h. Outro dos seus obxectivos é seguir atraendo persoas cara ao proxecto colaborativo falamedesansadurnino.org, que continúa medrando grazas ás contribucións veciñais en forma de “faladas”, fotografías e outras achegas. A iniciativa nacida no seo da aula alcanzou recentemente o recoñecemento europeo do programa ACTing e hai escasos días expuxo a súa experiencia no encontro “Cultura local e construción de cidadanía” organizado en Madrid polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

9 de novembro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.