publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

González Formoso destaca o potencial empresarial de Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCerceda
A-
A+
González Formoso nunha das visitas

González Formoso nunha das visitas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, continuou esta mañá en Cerceda a rolda de visitas que está realizando ás empresas da provincia, coa que pretende “coñecer directamemente o tecido empresarial e as capacidades industriais da nosa provincia” e ver cómo a Deputación “pode pór o seu gran de area para axudar aos nosos sectores produtivos na recuperación económica e na xeración de emprego”. É a primeira vez que un presidente da Deputación fai unha rolda destas características.
Acompañado polo alcalde de Cerceda e deputado provincial, José García Liñares, González Formoso visitou durante a xornada de hoxe as fábricas que Galopín, Gefico e Malasa teñen no polígono industrial do Acevedo da localidade cercedense, no que se asentan máis de 100 empresas, e subliñou que as tres constitúen “magníficos exemplos do gran potencial empresarial co que conta esta localidade e esta provincia”, á que cualificou como “o motor econónomico de Galicia”. Tamén destacou “a vocación exportadora” das empresas cercedenses, pois “todas elas levan os seus produtos arredor do mundo”.

A visita comezou a mediodía na Casa do Concello de Cerceda, onde o presidente da Deputación foi recibido por membros da Corporación local e asinou no Libro de Honra da localidade. García Liñares e González Formoso coincidiron en sinalar as similitudes entre Cerceda e As Pontes, localidade da que é alcalde o presidente provincial. “Tivemos un proceso similar de desenvolvemento”, apuntou Valentín González, que dixo tamén que ambos concellos “conforman un eixo de produción enerxética que é un dos principais produtores de enerxía eléctrica de todo o Estado”, polo que compartiron os problemas que atravesou o sector nos últimos anos.

“Non vou facer peticións ao presidente porque como membro do Goberno provincial sei que imos recibir o que nos corresponde”, afirmou García Liñares. Pola súa banda, Valentín González explicou que a liña do seu Goberno “é pór a Deputación ao servizo dos concellos”, repartir os fondos con criterios obxectivos e que sexan os propios concellos os que decidan e prioricen os investimentos.

Visita a Galopín e Gefico

En Galopín, a comitiva foi recibida polas directoras financieira e de proxectos desta compañía, que conta con máis de trinta anos de experiencia no deseño, fabricación e mantemento de parques infantís que a avalan como un dos referentes no seu sector a nivel estatal.

Galopín da traballo a 40 empregados e factura anualmente uns 3 millóns de euros, dos que máis do 50% proveñen de proxectos realizados fóra do país. Hay parques infantís e circuitos saudables desta empresa cercedense en lugares tan distantes como a Polinesia ou México, segundo explicaron os seus responsables. A compañía ten recibido numerosos galardóns internacionais polo seu respecto ao mediambiente a súa decidida aposta polo I+D+i e a pedagoxía nos seus proxectos infantís.

A empresa dedica tamén unha parte dos seus ingresos a accións de responsabilidade social corporativa, entre as que destaca a Fundación As Salgueiras, un entorno natural de máis de 30 hectáreas e que acolle actividades de educación e sensibilización medioambiental.

Os directivos da empresa explicaron durante a visita algúns dos detalles de proxectos que están a desenvolver na actualidade en Viena, París, Singapur e o norte de Italia.

González Formoso e García Liñares visitaron tamén as instalacións da factoría cercedense de Gefico, unha compañía con 35 anos de traxectoria que dende 2011 pertence ao mesmo grupo empresarial que Galopín. A empresa, cuns 40 empregados e máis de 6 millóns de euros de facturación anual, está especializada no deseño e fabricación de produtos e solucións para a potabilización da auga destinadas ao sector naval, off-shore, civil e industrial e, segundo o último informe Ardán, é a firma do sector naval galego con maior presencia internacional, pois destina máis do 70% da súa produción a exportación grazas a unha extensa rede formada por máis de medio centenar de axentes distribuidores en África, América, Europa e Asia.

Responsables dos departamentos comercial, de enxeñería, e de produción de Gefico explicaron polo miúdo ao presidente provincial o proceso de deseño e fabricación dalgúns dos produtos da compañía, entre os que se atopan os xeradores de auga doce por evaporación ou ósmose inversa e os sistemas de desinfección de auga potable.

Malasa

A mañá rematou cunha visita ás oficinas centrais e a fábrica do Grupo Malasa, onde González Formoso e García Liñares foron recibidos polos empresarios Antonio e Javier Pérez, que explicaron a actividade das diversas factorías do grupo, dedicadas á carpinteiría, deseño, construción e montaxe de mobiliario para numerosos establecementos comerciais, hoteis e cadeas de tendas en todo o mundo, entre elas varias pertencentes ao grupo Inditex.

Dende a súa fundación en 1992, Malasa pasou de ser unha pequena empresa familiar ubicada en O Temple (Cambre) a un gran grupo empresarial que realiza traballos en todo o mundo .

Durante o percorrido polas súas extensas instalacións, o presidente da Deputación e o alcalde de Cerceda coñeceron de primeira man cómo traballan as distintas sección da empresa, que traballa madeira, cristal, metal e electricidade e monta máis de 900 establecementos cada ano nos cinco continentes.

12 de novembro de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.