publicidade hoxe

Goberno local, técnicos municipais e comunidade educativa abordan a situación das obras do pavillón do CEIP Otero Pedrayo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

No mediodía de hoxe o Salón de Plenos do Concello da Laracha acolleu unha reunión entre representantes do goberno local, técnicos municipais, dirección de obra, a directora e xefe de estudos do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha e responsables da directiva da Anpa O Acevo. A xuntanza foi convocada polo alcalde, José Manuel López Varela, para explicar de primeira man a situación da execución do proxecto de construción do pavillón polideportivo do colexio.

O rexedor municipal, o secretario da Corporación e o director da obra expuxeron aos presentes todos os pasos dados polo Concello da Laracha desde a adxudicación do contrato e ata o momento actual, no que as actuacións presentan un importante retraso de case un ano con respecto aos prazos inicialmente establecidos.

Remontáronse en primeiro lugar ao 23 de xuño de 2014, data na que a Xunta de Goberno Local adxudicou a execución do proxecto á empresa Unika Proyectos y Obras, SAU por un importe de 460.268,48 euros. O prezo máximo de licitación ascendía a 605.775,77 euros e a actuación sería cofinanciada entre o Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña.

Un mes despois, o 24 de xullo, asinouse a acta de comprobación do replanteo, comezando nese momento os cinco meses de prazo de execución das obras que, polo tanto, deberían estar rematadas a finais de decembro de 2014.

Xa desde o primeiro momento a empresa contratista presentou unha solicitude de modificado do proxecto que foi desestimada en base ao informe do director facultativo da obra, no que conclúe que a todas as cuestións plantexadas se lle deran solucións técnicas sen implicar un aumento nos prazos de execución nin no prezo do contrato. Propostas de similares características foron presentada por parte da empresa en xaneiro, febreiro e outubro deste ano, e con idéntico resultado, sempre baseándose a decisión municipal nos informes técnicos do director da obra.

Ante o retraso nos traballos por causas imputables ao contratista, e en aplicación do artigo 212 da Lei de Contratos do Sector Público, o Concello da Laracha acordou impoñer penalidades por demora en cinco ocasións e por un importe total de 15.556,95 euros. O secretario da Corporación explicou aos presentes que a resolución do contrato soamente será legalmente posible cando as penalidades impostas acaden o cinco por cento do prezo do contrato (23.013,42 euros), restando polo tanto 7.456,47 euros para poder tomar dita decisión axustándose a dereito.

Non obstante o alcalde apuntou que agarda non ter que chegar a ese extremo xa que, despois de máis de un mes sen actividade, a empresa iniciou no día de hoxe o acopio do material necesario para realizar a fase de pavimentación exterior do pavillón e agárdase que poidan retomar as obras ao longo da próxima semana. 

En todo caso, José Manuel López Varela lamentou que esta cuestión estea a prexudicar aos alumnos do centro, que non poden ter á súa disposición unhas instalacións que deberían estar operativas desde hai once meses. 

Aproveitando a ocasión da reunión, tamén se trataron outras cuestións que afectan ao centro. Informouse da xuntanza mantida entre o alcalde e a concelleira de ensino co concelleiro de Educación na que se abordou a necesidade de acometer a segunda fase de construción do novo edificio de infantil para dotalo con outras tres aulas que se sumarían ás seis xa dispoñibles e nas que se iniciará a actividade despois das vacacións de Nadal.

Ademais, avanzouse que previsiblemente será elevada ao Pleno ordinario da próxima semana a proposta de aprobación definitiva dos plans especiais de ampliación dos equipamentos educativos tanto do CEIP Otero Pedrayo como do IES Agra de Leborís despois de ter recibido os preceptivos informes favorables da Secretaría Xeral de Urbanismo.

18 de novembro de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.