publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Finalizan en Lamas as asembleas participativas sobre os orzamentos e o PXOM de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño pecha esta tarde en Lamas a rolda de asembleas veciñais para preparar os orzamentos municipais de 2016 coas que se busca a implicación veciñal de cara a definir tanto os investimentos como outras actuacións que se levarán adiante durante o ano que vén. Porén, nas xuntanzas que arrancaron a semana pasada o goberno local tamén está explicando cales son as liñas mestras do PXOM aprobado inicialmente hai escasos días e, principalmente, onde estará dispoñible toda a información sobre el e de que maneira se poderán presentar as alegacións durante o prazo de dous meses que abrirá tan pronto como se publique o acordo plenario no Diario Oficial de Galicia.

As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debátese sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que se queren para cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, as posibilidades reais para sacalas adiante. Ese documento aprobarase na Mesa do orzamento participativo o día 26 de novembro. 

Ata o momento o maior número de demandas céntrase na petición de aglomerados de vías, rebacheos en puntos concretos e na construción de sendas peonís, ademais da solicitude de mantementos puntuais na rede de alumeado ou nos equipamentos veciñais.

Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás asembleas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar algo máis abaixo. A ficha pode entregarse no rexistro, mandala por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal. O itinerario de xuntanzas xa pasou por Bardaos, Ferreira, Santa Mariña do Monte, O Camiño Arriba, Bardaos, Naraío e San Sadurniño e hoxe mércores tócalle a Lamas (local social, 19.30h.)

Información sobre o PXOM

As asembleas de 2015 están sendo máis concorridas que en anos anteriores -unha media de entre 20 e 25 persoas-, debido en grande medida a que nelas hai un apartado específico para falar do PXOM. O planeamento xeral de San Sadurniño aprobouse inicialmente no último pleno e a partir da súa publicación no DOG -prevista para dentro duns días- empezará a contar o periodo de 2 meses en que se poderán presentar alegacións. 

O Concello quere promover que a veciñanza se implique ao máximo nun proceso co que se configurará o San Sadurniño dos próximos 20 ou 30 anos, e de aí que se estea explicando en que consiste o PXOM, cales son os seus obxectivos e, principalmente, de que maneira se poderán propor cambios no documento aprobado inicialmente. Toda a información estará dispoñible na web municipal e tamén está exposta no Concello, onde a arquitecta municipal xa está atendendo consultas os luns, mércores e venres. Ademais, ás asociacións estánselles facilitando copias da cartografía dos nucleos para que calquera veciño ou veciña teña máis doado ver como quedan as súas terras nesta proposta inicial de ordenación do territorio.

A grandes trazos, o documento provisional do PXOM recolle como zona urbana o centro de San Sadurniño, así como 74 núcleos. Na zona rural o PXOM busca compactar as zonas poboadas tomando como punto de partida os núcleos tradicionais -aqueles que existían antes de 1956- e trazando arredor deles un radio de 50 metros para que poidan medrar sen fomentar a dispersión. 

En termos xerais, nas zonas definidas como núcleo tradicional será posible edificar en leiras de 300 metros cadrados, mentres que nas restantes áreas caracterizadas como núcleo rural común será necesario dispor de 1.000 metros cadrados (2 ferrados). Tamén en termos xerais cómpre sinalar que aquelas vivendas que quedasen en chan rústico ou aquelas que, sendo antigas, non estean dentro de núcleo, poderán ser reparadas ou rehabilitadas. Por outra banda, a construción de vivendas en terreos rústicos estará permitida só nos casos en que estean vencelladas a unha explotación agraria en activo.

Nas xuntanzas veciñais estase insistindo na necesidade de que a xente revise o documento do planeamento e que alegue todo o que estime conveniente, posto que o PXOM é nestes momentos unha proposta que pode modificarse dentro dos límites que establece a normativa autonómica sobre o chan. Para alegar existe unha folla normalizada onde só é necesario consignar os datos persoais da persoa solicitante, a referenza catastral da leira á que se refire a alegación e unha breve explicación na que quede o máis clara posible a petición que se fai. Non fai falla utilizar linguaxe técnica ou termos complexos e se se precisa axuda para alegar abonda con falar coa arquitecta municipal. Iso si, é moi importante informarse e presentar as alegacións dentro do prazo de 2 meses de exposición pública do PXOM.

Todas as alegacións presentadas dentro de prazo serán informadas por persoal técnico e aquelas que conten cun ditame favorable incorporaranse ao documento do planeamento que, malia todo, aínda deberá ser informado en segunda instancia por distintos departamentos da Xunta antes de poder ser aprobado definitivamente.

18 de novembro de 2015 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.