publicidade hoxe

Finalizan as obras de mellora do centro de saúde de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

As obras de mellora que se estiveron a facer no centro de saúde de Cedeira durante o verán remataban co pintado interior. A Xerencia Integrada de Ferrol acometeu unha serie de traballos centrados fundamentalmente en tres accións: substitución da baldosa de vidro ou pavés da entrada principal por unha de ladrillo e fiestras, seguindo as mesmas características do resto do edificio; a impermeabilización da cuberta para impedir filtracións; e, tamén, pintado e saneamento do interior do centro sanitario.

Estas intervencións de mellora comezaban no verán e remataron no mes de outubro. O centro de saúde de Cedeira está emprazado na área urbana da poboación, constituído por dúas edificacións rectangulares. A entrada principal sitúase en chaflán entre ámbalas dúas edificacións, con portas de acceso en torno a un núcleo de tambor circular de baldosas de vidro ou pavés onde están as escaleiras principais do edificio. Este centro consta de dous andares comunicados interiormente tanto por estas escaleiras como por ascensor.

Estas intervencións deron resposta ó deterioro deste lenzo de vidro externo, con deformacións estruturais, provocadas tanto polo desgaste como polas vibracións da circulación próxima ou a oxidación da armadura, o que fixo que caesen pezas e se produciran filtracións de auga.

As obras, que se realizaron durante o verán, supuxeron a substitución deste lenzo ou pano exterior de baldosas de vidro por outro de fábrica de ladrillo de idénticas características modulares e estéticas que o resto da fachada existente. Mantívose a actual forma, aliñado, altura e volume.

Impermeabilización e pintura

Por outra banda, completouse esta intervención coa impermeabilización das cubertas planas existentes sobre o núcleo de escaleiras e zonas anexas con lámina autoprotexida bicapa asfáltica; dándolle suficiente pendente a desagües, e cos adecuados remates. A últimas das intervencións implicou o pintado interior e aseado do centro sanitario.

A Xerencia Integrada de Ferrol quere pedir desculpas tanto a usuarios como ós profesionais pola incomodidade que supuxo a convivencia con estas intervencións de mellora. Para tentar minimizar isto, as actuacións máis complexas e molestas realizáronse fóra do horario laboral e de emprego do centro.

Queda para unha seguinte fase a reorganización de espazos para mellorar as tomas de mostras e a incorporación dun retinógrafo.

Carteira de servizos ampla

O centro de saúde de Cedeira atende un total de preto de 6.900 tarxetas sanitarias, das que máis de 730 pertencen á idade pediátrica. Un total de 16 profesionais desenvolven o seu traballo neste centro de asistencial, entre facultativos, enfermería, pediatra, celadores, matrona e farmacéutica. Desenvólvense os programas da muller; de atención ó adolescente, adulto e anciá; e o do neno san; a atención ó paciente crónico; atención domiciliaria e farmacéutica. Ofértase tamén entre a súa carteira de Servizos o Control do tratamento con anticoagulantes orais (Sintrom).

No pasado ano 2014, realizaron un total de 40.010 consultas de medicina xeral; 24.872 de Enfermaría; 3.590 de pediatría; 314 de farmacia; e 963 de matrona. Rexistráronse preto de 50.000 determinacións analíticas. Neste centro, faise tamén cirurxía menor, citoloxías, espirometrías, teledermatoloxía, crioterapia; e se activou o programa preventivo do cribado de cancro colorrectal.

O Concello de Cedeira conta cun Punto de Atención Continuada neste centro de saúde que atende á demanda de asistencia sanitaria fóra do horario ordinario, de 15:00 a 08:00 horas, e os festivos as 24 horas. Conta con 4 equipos propios, formados por catro facultativos, 4 profesionais de Enfermaría, e 4 celadores. Durante o pasado ano 2014, realizáronse preto de 17.000 asistencias neste dispositivo asistencial.

10 de novembro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.