publicidade hoxe

Evencio Ferrero recibe no Concello ao alumnado de primaria do CEIP Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Visita dos escolares

Visita dos escolares

Un total de 76 alumnos e alumnas de 2º de Primaria do CEIP Bergantiños coñeceron esta mañá de primeira man as instalacións da Casa do Concello e puideron falar cos traballadores e traballadoras municipais, que lles ensinaron como desenvolven o seu traballo. Ademais, foron recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero, que contestou ás súas preguntas acompañado polo Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, no salón de plenos. Sometido a un terceiro grao bastante divertido, boa parte das preguntas xiraron arredor da recente lesión do rexedor, que ten que andar en muletas. Moitos dos nenos e nenas estiveron interesados en contar as súas propias lesións e caídas. Tamén se interesaron por asuntos máis relacionados coa xestión municipal, como por que non poden votar nas eleccións ou por que ten que haber un Alcalde.

Así mesmo, falaron sobre cuestións do día a día nunha vila como Carballo, como a presenza dos murais de “Derrubando muros con pintura”, que Ferrero aclarou que teñen como obxectivo “facer o pobo máis bonito”, e realizaron peticións como a colocación dun portal no patio cuberto do “cole” ou a mellora da contorna da rúa Cristina. No primeiro caso, o Alcalde respondeu que xa comezaron os trámites; no segundo, que está previsto emprender melloras no barrio das Flores no 2016. Logo deste intenso encontro e de facer a foto de familia, os nenos e nenas percorreron o resto das dependencias do concello, incluíndo a Oficina Técnica, Servizos Económicos, o Rexistro, a Sala de Informática e a Comisaría da Policía Local. 

Non deixaron de expresar as súas ocorrencias durante a visita, que realizaron repartidos en dous grupos. Frases como “eu teño visto moitos concelleiros”, ou exclamacións como “mi madriña!” e “con iso poden mercarse moitos polos fritidos!”, ao coñecer que o Concello manexa un orzamento de arredor de 22 millóns de euros, foron algunhas das anécdotas que foi deixando o percorrido, que rematou pasado o mediodía. Ademais, entregaron unha instancia no Rexistro dirixida ao señor Alcalde na que expuxeron que “rematando a mañá moi cansos” solicitan “que non haxa colexio polas tardes”. O alumnado aproveitou tamén o traxecto que realizaron andando dende o colexio ata o Concello para realizar un percorrido por algúns dos murais de Derrubando muros con pintura. Está previsto que o luns 9 de novembro visiten as dependencias municipais nenos e nenas do CEIP Gándara-Sofán.

6 de novembro de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.