publicidade hoxe

Cultura e Educación, Fundación Alcoa e La Opinión renovan o programa “A Coruña Emprende”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Alcoa e o xornal La Opinión volven sumar esforzos para poñer en marcha unha segunda edición do programa “A Coruña emprende”, que pretende transmitir e fomentar a cultura emprendedora desde idades temperás desenvolvendo unha serie de actividades de sensibilización e formación entre os alumnos e alumnas da comarca da Coruña.

Deste xeito, non só se estimulan as capacidades de emprendemento entre os mozos e mozas, senón que estes tamén se preparan para o futuro mercado laboral unha vez saian das aulas. Ademais, experiencias como esta axudan a promover o desenvolvemento das calidades persoais, tales como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos e a responsabilidade, á vez que favorecen unha conexión directa entre o sistema educativo e o propio entorno.

Así o explicou hoxe no IES Universidade Laboral de Culleredo o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, no acto de presentación desta segunda edición de “A Coruña emprende”, onde estivo acompañado polo director de Alcoa-Coruña, José Gil Fernández Pulpeiro, e pola directora do diario La Opinión, Carmen Merelas. Corredoira, que salientou a gratificante experiencia da primeira edición, agradeceu a colaboración de ámbalas dúas entidades co fin de axudar aos estudantes na mellora da súa preparación de cara ao futuro profesional.

Pola súa banda, José Gil Fernández Pulpeiro destacou que a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación dos máis novos, que se vén materializando en diversas colaboracións con programas educativos emprendidos pola Consellería, como o propio ‘A Coruña emprende’, ‘Lugo emprende’ e ‘A Mariña emprende’. Todas elas, iniciativas que promoven o desenvolvemento persoal e profesional dos mozos e mozas.

Boa acollida nos centros

A boa acollida destas accións constátase nos centros participantes, posto que volven a repetir os 15 do curso pasado. Deste xeito, esta iniciativa -que entronca co Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia “eduemprende” posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación- achegará a realidade empresarial e o espírito emprendedor a nove IES ou CPI (un por cada concello da comarca); tres CEIP, que coinciden cos municipios de maior poboación; e tres CIFP, que contan con viveiro de empresas.

Así, por segundo ano consecutivo, neste programa participarán o IES de Viós (Abegondo), o IES de Sabón (Arteixo), o CPI Cruz do Sar (Bergondo), o IES Alfonso X O Sabio (Cambre) o CPI Vicente Otero Valcárcel (Carral), o IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), o IES Universidade Laboral (Culleredo) , o IES María Casares (Oleiros) e o IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

En canto aos tres CEIP, trátase do CEIP Ponte dos Brozos en Arteixo, o CEIP Eusebio da Guarda na Coruña e o CEIP A Rabadeira de Oleiros. Pola súa banda, os Centros Integrados de Formación Profesional con viveiro de empresas son o CIFP Someso, o CIFP Ánxel Casal-Monte Alto e o CIFP Paseo das Pontes, os tres situados na cidade coruñesa.

Marketing “on line” ou o emprego das TIC

En total, o programa abrangue a máis de 30 docentes e máis de 500 alumnos e alumnas de sexto curso de Educación Primaria, de todos os cursos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional. Tanto o alumnado como o profesorado participarán en diversas actividades de formación, tales como xornadas de motivación ou charlas e obradoiros sobre o proceso creativo, o marketing “on line”, a translación da idea ao mercado ou a aplicación das TIC neste eido.

Toda esta información serviralle aos participantes para levar a cabo o seu proxecto final, que variará segundo o nivel do alumnado. Deste xeito, os mozos e mozas de sexto de Primaria e de primeiro e segundo de ESO realizarán unha redacción dunha idea de negocio. Os que cursen terceiro e cuarto de ESO elaborarán un pequeno proxecto de empresa e, por último, os estudantes de Bacharelato e Formación Profesional levarán a cabo un proxecto empresarial.

Apoio en varios eidos

Cómpre recordar que a Fundación Alcoa, que se sustenta dos seus propios activos financeiros e non dos da compañía, respalda proxectos de institucións e organizacións para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade, e de respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades onde Alcoa está presente.

10 de novembro de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.