publicidade hoxe

Continúa en Moaña a rolda de contactos cos concellos da Área Metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+
Reunión coa alcaldesa de Moaña

Reunión coa alcaldesa de Moaña

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse esta mañá ca alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, no concello para coñecer as súas propostas e suxestións relativas á Área Metropolitana de Vigo.

Como xa fixera en ocasións anteriores, o director xeral destacou o ton cordial deste encontro, que se traduciu nun posicionamento unánime en varios dos puntos a tratar, e en aspectos fundamentais para a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, e anunciou que estase moi preto xa de chegar a un acordo para que arranque a posta en marcha da Área.

Así, por exemplo, a alcaldesa e o director xeral coincidiron na necesidade de establecer unha cantidade fixa por habitante para financiar a AMV. Para Pazos Couñago este criterio, que xa está recollido na actual lei da Xunta, garante a proporcionalidade das achegas de cada concello integrante do ente supramunicipal.

Así mesmo, a rexedora de Moaña coincidiu con diversas propostas feitas tamén por outros concellos, que reflicten a necesidade de atopar unha solución que aposte polo voto ponderado na Xunta de Goberno, onde a alcaldesa indicou que debe ser un voto ponderado reforzado cun mínimo de concellos. E manifestou tamén o máxime interese no transporte metropolitano, que debe facerse un dende un plantexamento integral que dea servizo a todos os habitantes do concello de Moaña.

Pola súa banda, o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, expúxolle á rexedora as ventaxas da implantación inmediata da Área Metropolitana, coincidindo ambos na conveniencia de constituíla definitivamente no menor prazo posible.

A axenda de encontros do director xeral da Xunta continuará esta semana co concello de Cangas e proximamente cos concellos de Redondela e Vigo, co obxectivo de seguir coñecendo persoalmente as propostas e suxestións dos representantes municipais e intentar acadar así o máximo consenso posible para que a Área Metropolitana bote a andar canto antes.

16 de novembro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.