publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Conde destaca os proxectos Wikinger e Hywind como mostra do compromiso coa diversificación de Navantia Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de Navantia Fene para coñecer os proxectos Wikinger e Hywind, dúas iniciativas de eólica offshore que se configuran, segundo salientou, como mostra do “compromiso coa diversificación” da compañía.

Conde, que estivo acompañado por Julio Martín Ramos, director da Unidade Produtiva de Navantia Fene, e por Francisco Silva, delegado de Iberdrola, destacou que os dous proxectos, nos que está a traballar o estaleiro público, contribúen a incrementar a súa carga de traballo. Navantia, sinalou, ten sabido aproveitar as novas oportunidades que ofrece o mercado, apostando por potenciar a capacidade xa instalada e o know-how de cara á súa diversificación. Unha aposta, explicou, que lles está a permitir gañar contratos e posicionarse internacionalmente nos nichos de mercado máis prometedores e innovadores, como o dos buques propulsados con GNL ou a propia eólica offshore.

Grazas a este esforzo, explicou Conde, a compañía está a recibir invitacións para participar nunha gran parte dos proxectos de eólica mariña que requiren do uso de jackets e artefactos flotantes como os que se están a construír no marco do Wikinger e do Hywind. Así mesmo, vén de presentar ofertas para a construción de dous parques eólicos: o Beatrice Wind Farm, no norte de Escocia, e o East Anglia, no Mar do Norte.

“De cumprirse as expectativas, garantiríase a ocupación destas instalacións durante anos”, subliñou o conselleiro, quen sinalou que a consecución de novos contratos nestes nichos de mercado amosan a capacidade do propio estaleiro público para “deseñar as máis modernas estruturas” dun mercado cuxa previsión de crecemento en Europa triplica, ata o 2020, á de Asia e Norte América.

Estes proxectos, apuntou Conde, non fan senón constatar a importancia da innovación como unha da principais vantaxes competitivas do sector, que abrangue a estaleiros, industria auxiliar, centros tecnolóxicos e universidades.

Un compromiso innovador que conta co apoio de programas como o Innterconecta, o Conecta Pemes ou as Unidades Mixtas de Innovación, e coa Axenda da Competitividade Industrial Galicia – Industria 4.0, coa que a Comunidade está a “traballar no estaleiro do futuro”, sentando as bases do naval 4.0. O obxectivo, incidiu, é incorporar os procesos de innovación como vantaxe competitiva permanente, e mellorar os procesos de deseño, construción e automatización.

6 de novembro de 2015 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.