publicidade hoxe

Conde avalía as propostas dos empresarios de Vilanova para impulsar a competitividade do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde no Centro de Desenvolvemento Local do Pazo de Vista Real nunha xornada de networking con empresarios de Vilanova de Arousa co obxectivo de avaliar iniciativas conxuntas para continuar a potenciar a competitividade empresarial no municipio arousán.

Na xornada de networking, o titular do departamento autonómico escoitou as propostas e inquedanzas dos participantes, así como tivo a oportunidade de trasladarlles as principais liñas de actuación da Consellería en eidos como o financiamento, a innovación, a internacionalización ou o emprego.

Entre as diferentes ferramentas coas que conta a Xunta para apoiar ás empresas e o emprendemento, Conde destacou as accións contempladas na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, unha folla de ruta que ten entre os seus obxectivos que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos. Tamén resaltou os diferentes instrumentos de financiamento dispoñibles no programa do Igape Galicia 1000.

A través de distintas iniciativas, a Consellería que dirixe Francisco Conde vén impulsando en Vilanova de Arousa, entre outras actuacións, a mellora de infraestruturas comerciais e dos parques empresariais de Tremoedo e Baio. Na área laboral, ademais, é preciso destacar o obradoiro de emprego ‘Vista Real” que está en marcha no concello para formar e dar unha oportunidade laboral a un total de 19 persoas sen emprego nas especialidades de agricultura ecolóxica e promoción turística local e información ao visitante.

O titular de Economía tamén resaltou a aposta pola innovación empresarial levada a cabo pola Xunta desde o comezo da crise a través do programa Conecta Peme. Trátase dunha iniciativa de apoio á I+D+i nas pequenas e medianas empresas, que se reactivará nas vindeiras semanas, co propósito de buscar a participación de consorcios nos que, ademais de centros tecnolóxicos e universidades, participen empresas.

Por último, Francisco Conde trasladoulle aos participantes neste networking as oportunidades que ofrecen os mercados exteriores ás pemes, lembrando que a Xunta conta cunha Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

18 de novembro de 2015 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.