publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cinco persoas detidas por roubar gando en varias explotacións ourensás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaSucesosXinzo de Limia
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil de Ourense en colaboración coa Policía Portuguesa detivo o luns cinco persoas, dúas de nacionalidade portuguesa con domicilio en Montealegre (Portugal) e tres de nacionalidade española veciñas de Xinzo de Limia, como presuntas autoras dun delito continuado de roubo con forza en explotacións gandeiras.

Segundo informou o Instituto Armado, os roubos foran cometidos en varias explotacións de gando de Morgade, Vilariño, Damil, Gudes e Cualedro entre finais de 2012 e maio de 2013. Neses lugares foron subtraídas 112 cabezas de gando, valoradas en 128.000 euros.

A denominada ‘Operación Vitela’ iniciouse, segundo relatan as mesmas fontes, tras recibir a primeira denuncia por roubo de gando o 14 de decembro de 2012 nunha granxa de Morgade, onde levaron 13 tenreiros. Este roubo e os catro seguintes causaron, segundo asegura a Benemérita, “gran alarma social e preocupación” entre os gandeiros e habitantes da zona.

Nesta operación, que durou aproximadamente tres anos, traballouse “continua e laboriosamente”, segundo subliña a Garda Civil, que incide no “gran apoio recibido” pola Policía Portuguesa, “cun fluxo constante de intercambio de información”.

SEGUIMENTOS

No marco desta operación que continúa a Garda Civil, foron analizados máis de 5.000 crotales e realizáronse múltiples vixilancias e seguimentos en toda a zona afectada.

Unha vez analizada a información, o Instituto Armado detivo a cinco persoas e dá por desarticulado un grupo organizado, “que tiña as súas tarefas perfectamente distribuídas”, xa que uns encargábanse de localizar as granxas e realizaban vixilancias e os outros procedían ao roubo e transporte cara a Portugal.

Nesta operación os axentes incautáronse dun vehículo que era utilizado para o traslado das reses.

3 de novembro de 2015 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.