publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arzúa converterase no epicentro da ecoloxía galega esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaAxenda e CulturaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

A feira ecolóxica de Arzúa, organizada polo Concello e xestionada por Culturactiva SCG, volverá situar na vila coruñesa o epicentro do sector verde galego este fin de semana. A décimo segunda edición da mostra prestará unha especial atención ao lácteo, xa que por primeira vez haberá espazo na feira para o leite ecolóxico e celebrarase unha mesa redonda na que se abordará desde diferentes perspectivas a situación dun dos sectores crave da economía galega.

Así o sinalaron a concelleira de Medio Ambiente de Arzúa, Pilar Castro, e o coordinador da feira, Manuel Roxo, na presentación este xoves en rolda de prensa da programación completa do encontro.

Nas súas intervencións, destacaron a importancia dun evento xa consolidado e recoñecido como referente para o sector ecolóxico, ademais de repasar polo miúdo as máis de 60 propostas que se exporán no recinto feiral Terra do Queixo.

MESA REDONDA

Sobre o lácteo, a concelleira Pilar Castro resaltou que fai falta buscar alternativas para un sector crave para Galicia e que está en crise. Pola súa banda, Manuel Roxo advertiu de que se trata dun ámbito “maltratado” e por iso explicou que se lle quixo dar “unha presenza especial” para situar o foco do debate sobre a alternativa ecolóxica.

Así, tomarase o pulso á actualidade agrogandeira a través dunha mesa redonda sobre esta problemática o domingo 15 ás 12,00 horas na aula 3, que estará moderada por Pilar Castro e contará coa presenza do experto en xestión agrogandeira e natureza Xan Pouliquen, o produtor lácteo Jesús Gabriel Pereira, e o coordinador do Sindicato Labrego Galego nas comarcas de Arzúa e Melide, Julio Fernández.

Outras novidades do encontro serán o pan ecolóxico, do que se poderá atopar unha ampla variedade, as conservas de algas e vexetais, os licores e pasta ecolóxica.

“Moita da xente que está a investigar no sector verde, apostando polo I+D+i ecolóxico, terá presenza na feira. Os expositores que traen estes produtos fano con moita ilusión, nótaselles o brillo nos ollos e teñen un discurso rompedor”, apuntou Manuel Roxo.

Castro, pola súa banda, asegurou que o Consistorio mantén a súa aposta pola feira ecolóxica xa que supón “un elemento dinamizador da economía local e un impulso ás empresas de produción local e aos emprendedores”.

Nesta duodécima edición os expositores repartiranse nas seguintes seccións: sector ecolóxico-alimentación, cooperativas e entidades, cosmética e crianza natural, terapias alternativas e medicamento natural, especial xantar e artesanía.

PROGRAMACIÓN CULTURAL E FORMATIVA

Como vén sendo habitual, a feira terá un amplo programa de actividades complementarias. Ademais da xa mencionada mesa redonda, no apartado formativo haberá cinco talleres -cosmética natural, xogo Kapla, aromatoloxía, cociña e naturopatía e tratamentos invernais-, tres demostracións -traballos en coiro, pinturas naturais, talla de escultura en madeira reciclada-, dúas exposicións -’a compostaxe e o compost’ e ‘os residuos, un problema de todos’-, a presentación do xornal dixital sobre o campo galego ‘www.campogalego.com’ e a proxección do documental ‘En todas as mans’.

No tocante á programación cultural, a feira ecolóxica contará coas actuacións de Luis Iglesia e Xabier Deive en ‘Sede de mal’ -da compañía Boneca Lareta-, o mago Dani García e o contacontos Santi Prego.

Iglesia e Deive porán o peche á feira coa montaxe teatral co que no último ano e medio viraron por toda Galicia con máis de 50 funcións ás que asistiron máis de 10.000 espectadores para gozar desta comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida.

Será o domingo 15 ás 19,30 no escenario da planta baixa do recinto. No mesmo lugar á mesma hora do sábado 14 poderase ver ao recoñecido contacontos Santi Prego, mentres que Dani García porá a animación máxica no papel de Don Gelati o domingo 15 en varias sesións e percorrendo diversos espazos do recinto.

12 de novembro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.