publicidade hoxe

Andrés Díaz e varios alcaldes galegos visitan Bruxelas para coñecer o funcionamento e os programas europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Andrés Díaz en Bruxelas

Andrés Díaz en Bruxelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, na compaña de varios rexedores galegos entre os que se atopan tamén os de Silleda e A Guarda, Manuel Cuíña e Antonio Lomba, respectivamente, participan en Bruxelas nunhas xornadas sobre os diferentes programas de financiamento europeo que poden resultan de interese para a administración local.

Con esta viaxe ao corazón da Unión Europea, a intención de Andrés Díaz e dos seus compañeiros é dispoñer das ferramentas necesarias para elaborar programas de desenvolvemento local de carácter europeo que podan ser aplicados durante estes catro anos de lexislatura en Ponte Caldelas e noutros concellos.

O amplo programa deseñado para os alcaldes inclúe diferentes xuntanzas con altos funcionarios da Unión Europea, coa Fundación Galicia-Europa e co Comité das Rexións así como varios encontros co eurodeputado socialista José Blanco que lles servirá de anfitrión e “cicerone” na súa incursión polo intrincado laberinto das institucións comunitarias. 

Os rexedores galegos visitarán tamén o emblemático hemiciclo parlamentario en Bruxelas e o coñecido como o Hall das Bandeiras onde realizarán unha fotografía oficial de tódala delegación de alcaldes que visitan estas institucións europeas.

Díaz Sobral centrará a súa visita en coñecer os principais mecanismos de financiamento da Unión Europea para pequenos e medianos concellos con atención especial aos programas de emprego e de promoción de políticas sociais a prol do colectivo feminino e a mocidade como dous elementos que precisan unha atención especial en Ponte Caldelas.

A Unión Europea (UE) ofrece un amplo panorama de fondos de financiamento dirixidos, entre outros, a que os gobernos locais poidan impulsar o seu desenvolvemento social, económico e ambiental. No contexto do novo Marco Financeiro da UE 2014-2020, e tras as eleccións municipais do pasado maio, as institucións europeas consideran relevante impulsar a participación das entidades locais galegas nas iniciativas que se desenvolven a nivel comunitario.

Por medio desta xornada, buscan capacitar aos alcaldes de Galicia sobre os diferentes programas de financiamento europeo que poden resultar de interese para a administración local. De maneira tal que, durante o seus próximos catro anos de goberno, dispoñan das ferramentas necesarias para elaborar programas de desenvolvemento local de carácter europeo.

Favorecer a participación das entidades locais de Galicia nas convocatorias dos programas de financiamento europeo contará, entre os seus obxectivos primordiais, facer o mellor uso posible de todas as oportunidades que ofrecen os fondos comunitarios para a mellora do emprego na nosa rexión.

Xunto coa formación prevista, os representantes dos concellos coñecerán de primeira man o funcionamento das institucións europeas e o seu proceso de toma de decisións, con visitas de traballo ao Parlamento Europeo e á Comisión, profundizando así o seu coñecemento xeral da contorna comunitaria que Andrés Díaz tamén aproveitará para aplicar á súa presenza como membro da Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

19 de novembro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.