publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

AJE Ferrolterra leva a San Sadurniño un dos seus encontros de networking

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e o Ortegal, organizou para as primeiras horas deste venres unha sesión de networking dirixida a empresas da comarca que queiran darse a coñecer e establecer novos contactos entre si. Trátase dunha pequena presentación individual dos produtos ou servizos que ofrece cadaquén que despois se amplía con encontros programados, de maneira que todas as persoas participantes teñan oportunidade de expor o que fan e coñecer o que fan os demais coas miras postas en fomentar o traballo en rede. A xornada terá lugar na Casa da Cultura entre as 9.30 e as 11.30h. e nela xa se inscribiron máis dunha trintena de persoas, principalmente novas emprendedoras.

Unha das claves das sesións de networking é a axilidade e a rapidez coa que se desenvolven. Quen participen sentarán arredor de varias mesas en grupos de cinco ou seis persoas. Cada unha delas disporá duns dous minutos para presentar o seu negocio e, unha vez que todas se teñan presentado irán cambiando de mesa seguindo as indicacións de AJE, co obxectivo de que ao final da xornada todos e todas puidesen falar da súa actividade e coñecer as dos demais.

Malia que o encontro se desenvolve nun ambiente distendido, cómpre ter en conta que se trata dun tempo de traballo que obriga a quen participe a ter moi claro o que vai dicir e como vai dicilo. De feito, este tipo as presentacións fundaméntanse nun elevator pitch ou elevator speech, é dicir, nunha presentación moi breve e condensada do noso produto/servizo orientada a captar a atención do resto de networkers. Por iso non se trata de chegar e soltar o primeiro que se nos ocorra, senón de destilar ben que nos interesa destacar, preparalo previamente e expoñelo de forma clara, concisa e directa, reparando ademais en que a linguaxe corporal tamén é unha importante -quizais a máis importante- tarxeta de presentación do noso negocio.

O obxectivo do foro de networking é facilitar o coñecemento mutuo das actividades que levan a cabo distintas empresas/persoas emprendedoras de cara a que, a partir de aí, se establezan novas vías de colaboración ou sinerxias entre elas. A media mañá deste xoves ían inscritas na actividade un total de 31 persoas e desde AJE sinalan que no que queda de día aínda poderían sumarse algunhas máis. Quen se anime pode chamar ao 981 333 322 ou enviarlle un correo a aje@cofernet.com ou info@ajeferrolterrra.org.

5 de novembro de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.