publicidade hoxe

A Xunta destaca a proximidade de posturas co Concello de Cangas relativas á Área Metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, reuniuse esta mañá co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, para coñecer as propostas e suxestións deste concello relativas á Área Metropolitana de Vigo.

Na reunión, ademais do director xeral e o rexedor cangués, de ACE-SON, tamén participaron representantes municipais do BNG, PPdeG, PSOE, ASpUN e Cangas Decide; así como o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves. O director xeral agradeceu a participación de todos os grupos na reunión, que cualificou como moi cordial.

O alcalde de Cangas trasladou á Xunta o acordo previamente consensuado por todas as forzas políticas do concello e que, entre outros aspectos, difire do voto ponderado proposto pola alcaldía de Vigo, considerando que debe ser corrixido por un número mínimo de concellos para refrendalo.

Así mesmo, o acordo municipal tamén destaca a necesidade dunha implicación económica por parte da Xunta e da Deputación. A este respecto, Pazos Couñago recordou que xa en distintas ocasións o Executivo galego asegurou que o traslado de competencias levará aparellado o seu correspondente financiamento e manifestou a súa esperanza de que o ente provincial faga público o seu compromiso nese mesmo sentido.

Coincidiuse tamén en que o financiamento dos gastos xerais debe ser proporcional, un aspecto xa recollido na actual lei. Doutra banda, tamén destacaron a necesidade imperiosa de que se complete o transporte metropolitano coa incorporación do Concello de Vigo, por resultar imprescindible para os habitantes do Morrazo.

Como novidade, os representantes de Cangas apostaron pola inclusión na lei de algún mecanismo que permita que os concellos abandonen a Área Metropolitana de Vigo no caso de non sentirse cómodos na mesma.

Ao finalizar a xuntanza, todos os asistentes coincidiron en que as posturas están moi próximas entre si e que podería estar moi preto un acordo se hai vontade de dialogo por todas as partes para adoptalo e facilitar a posta en marcha canto antes da Área Metropolitana.

A axenda de encontros do director xeral da Xunta continuará a vindeira semana no concello de Redondela, para posteriormente finalizar en Vigo. Esta rolda de visitas foi fundamental para escoitar a rexedores e grupos da oposición, recadar propostas e suxestións e intentar acadar así o máximo consenso posible para o ente supramunicipal.

19 de novembro de 2015 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.