publicidade hoxe

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo reúnese co alcalde do Grove para asesorar a regularización dos núcleos tradicionais do litoral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde do Grove

Encarnación Rivas na reunión co alcalde do Grove

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a asesorar ao concello do Grove para a regularización dos seus núcleos tradicionais do litoral. Precisamente para avanzar nesta colaboración a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o alcalde da localidade, José Antonio Cacabelos, mantiveron hoxe en Santiago unha xuntanza de traballo.

Este encontro inscríbese no ofrecemento realizado polo departamento autonómico aos 87 concellos costeiros de Galicia para poñer á súa disposición asesoramento técnico, co fin de acadar que o maior número de núcleos tradicionais do litoral poidan ser regularizados, trala reforma da Lei de Costas que abre novas posibilidades.

A Administración autonómica é consciente das dificultades dalgúns concellos, posto que as tramitacións e as análises urbanísticas deben ser abordadas por técnicos especialistas na materia. Por ese motivo, e a pesar de que a Xunta non ten competencias neste proceso concreto, ten a vontade de prestar o necesario servizo de asesoramento para acadar unha tramitación exitosa.

Regularización na Lei de Costas

A Lei de Costas aplica un réxime de limitacións na zona de servidume de protección, establecida en 20 metros no caso de solo urbano, e en 100 metros fóra del, de xeito que moitas das edificacións existentes en solo de núcleo rural do litoral quedan nunha situación de “fóra de ordenación”.

A Xunta sempre defendeu a singularidade de Galicia para facer compatible os núcleos tradicionais da costa coa protección do litoral. Grazas ao traballo conxunto realizado entre o Goberno galego e o Goberno central logrouse que a nova Lei de costas recóllese, por primeira vez, un trámite excepcional para resolver unha demanda histórica e propiciar que os núcleos tradicionais costeiros puidesen ser regularizados.

Este camiño permite rebaixar a zona de servidume de costa dos 100 aos 20 metros, para os núcleos costeiros tradicionais nos que se acredite correctamente a concorrencia dos supostos establecidos por lei.

O Concello de O Grove solicitou a redución da franxa de servidume ao abeiro da da reforma da Lei de Costas nos núcleos de Rons, Agriños-Gandariña, Virxe das Mareas, Moreiras, Reboredo; núcleo da Igrexa-Playa da Barcela-Parroquia de san Vicente; núcleo da Área 11 en Sanatorio; núcleo de Carreiro; núcleo de Espiño-Bizocas-Correeiro; núcleo de sobre do Pozo; núcleo de Laxes e núcleo de Insuíña.
A entidade local e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente acordaron que a vía de resolución para estes núcleos pasa por impulsar a aprobación do documento do Plan xeral de ordenación municipal, actualmente en trámite de axuste tras recabar os informes sectoriais preceptivo e as alegacións formuladas durante o período de información pública.

É preciso recordar que os municipios que non regularicen a situación dos núcleos ao abeiro da disposición transitoria da Lei de Costas, seguen tendo á posibilidade de facelo a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para o que poderán contar tamén coa colaboración do Goberno galego.

18 de novembro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.