publicidade hoxe

A Laracha felicita a Walter Pena polo premio Colón 2015 da Federación de Instituciones Españolas del Uruguay

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Federación de Instituciones Españolas del Uruguay (FIEU) concede anualmente o Premio Colón ás persoas e organizacións que contribúen na coordinación, mellora e difusión das actividades que leva a cabo esta colectividade de referencia para os españois residentes no país suramericano.

Neste ano foi galardoado D. Walter Pena Mañana pola súa labor desenvolvida como membro da Colectividad Española e do Hogar Español, pero en especial por ter sido e directivo do Centro Social e Cultural Bergantiños de Montevideo ao longo de case dúas décadas.

O Centro Social e Cultural Bergantiños de Montevideo é a única institución dedicada á nosa comarca que existe fora de España. Foi fundado en xaneiro de 1969 coa finalidade principal de contribuír ao coñecemento da historia, costumes e cultura galegas organizando eventos deportivos, artísticos, culturais e recreativos, así como encontros dos bergantiñáns emigrados en Uruguai con importantes personalidades da comarca e mesmo doutros lugares de Galicia. 

Uruguai é o primeiro país de destino para a emigración do noso municipio ao residir nese país preto de novecentos laracheses, a maioría deles en Montevideo. Walter Pena sempre estivo implicado na organización de actos dirixidos a animar a ese colectivo a manter o interese pola súa orixe galega, bergantiñá e larachesa, sendo desde hai moitos anos a persoa que canalizou as cordiais relacións e comunicacións entre o Concello da Laracha e o Centro Social e Cultural Bergantiños. 

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, remitiu a Walter Pena unha carta de felicitación polo Premio Colón, na que tamén aproveitou a ocasión para agradecerlle a súa labor e que o galardón sexa “un acicate para animarte a continuar levando a cabo ese excepcional traballo de difusión da cultura, historia e costumes de Galicia e que os nosos veciños uruguaios poidan seguir tendo á súa disposición un lugar de encontro e actividades para recordar as súas orixes e manter vivos os seus sentimentos como galegos”.

5 de novembro de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.