publicidade hoxe

A exposición ‘Imaxinarios’ permanecerá en Sigüeiro ata o 20 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Centro Cultural de Sigüeiro (Oroso) acolle ata o vindeiro 20 de novembro a exposición ‘Imaxinarios’, unha escolma de 25 fotografías en branco e negro da lucense Natalia Regueiro que se configura como unha pequena antoloxía das distintas series que leva elaborado como afeccionada entre os anos 2011 e 2015.

A mostra, que forma parte da sétima edición do Outono Fotográfico, foi inaugurada nun acto ao que acudiron a propia autora; o alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o concelleiro de Deporte e Cultura, Luis Rey; e outros integrantes do goberno municipal, ademais de decenas de veciños.

Regueiro interviu para explicar que as imaxes foron tomadas en ubicacións de Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, Berna, Ponte da Lima, Zaragoza ou Marrakech.  Se ben o nome da exposición sae da súa primeira serie, manifesta que para ela todas teñen “a mesma importancia” e considera que as imaxes seleccionadas entre “dialogan entre si”. Regueiro revelou que lle gusta “xogar coas perspectivas e coas texturas” na procura dun resultado “suxestivo” e animou aos visitantes da mostra a “reconstruír as imaxes coa súa propia mirada” porque na fotografía pensa que “cun ollo mírase e co outro fabúlase”. 

O alcalde, Manuel Mirás, declarouse “impresionado” coa calidade das fotografías e destacou o feito de que “nos fan reflexionar”. Auguroulle a Regueiro “moitos éxitos no eido da fotografía” e agradeceulle tanto que expoña a súa obra en Oroso como que participe no Outono Fotográfico. 

9 de novembro de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.