publicidade hoxe

A Eurocidade Tui-Valença organiza o III Trofeo de Baile Deportivo con máis de 100 parellas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+

Este domingo 22 de novembro, a partir das 14h. españolas, no pavillón municipal de Valença, terá lugar o III Trofeo de Baile Deportivo no que participarán máis de 100 parellas procedentes de Galicia e doutras comunidades e de Portugal. Esta competición, que está organizada pola Eurocidade Tui-Valença e a Escola de Baile Pasos Galicia, prolongarase ata as 21h. españolas.

O Trofeo está dividido en dúas modalidades, as clásicas, que inclúen o vals ou o tango entre outras, e as danzas latinas, coa samba, cha cha cha, rumba ou pasodobre. Nesta competición de baile deportivo participarán parellas dende os 6 anos de idade até os 65, sumando en total preto de 40 categorías diferentes dependendo dos anos e do nivel dos participantes.

É de subliñar que a danza deportiva está recoñecida como deporte oficial tanto a nivel Internacional polo Comité Olímpico, como en España e en Portugal. Este trofeo é puntuable no ránking de probas de danza en España e a entrada para ver o espectáculo custa 6 euros.

A presentación da competición tivo lugar hoxe ás 12.30h españolas na piscina municipal de Valença, e asistiron os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Laureano Alonso e José Monte respectivamente, e o responsable técnico do trofeo e presidente da Escola de Baile Pasos Galicia, Miguel Abreu.

Laureano Alonso, concelleiro de Deportes, apuntou que esta proba resulta un espectáculo moi atractivo visualmente. Subliñou que Tui e Valença son referentes a nivel mundial na organización de eventos entre dous países. Pola súa parte, o seu homólogo de Valença, José Monte, quixo convidar a todos a asistir a este trofeo deportivo que destaca pola súa beleza.

Para terminar, o responsable do Torneo e presidente da Escola de Baile Pasos Galicia, Miguel Abreu, destacou que é un fito que un evento de España se poida facer en Portugal, e quixo agradecer o traballo e esforzo da Cámara de Valença e da Federación portuguesa. 

18 de novembro de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.