publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra asesorará ao Concello de Moaña na accesibilidade e mobilidade da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoañaPontevedra
A-
A+
Os deputados Uxío Benítez e Xosé Leal na reunión coa alcaldesa

Os deputados Uxío Benítez e Xosé Leal na reunión coa alcaldesa

A Deputación de Pontevedra asesorará ao Concello de Moaña para mellorar a mobilidade e a seguranza viaria no municipio do Morrazo. No día de hoxe, os deputados Uxío Benítez e Xosé Leal, e o asesor Jesús Fole reuníronse coa alcaldesa e varios concelleiros co fin de estudar as posibilidades de actuación na vila.

O encontro celebrouse no edificio do Concello, onde o arquitecto provincial, Jesús Fole, instou aos membros do goberno local a realizar un proxecto estratéxico de mobilidade que inclúa propostas globais de futuro para o municipio. O deputado Uxío Benítez, pola súa banda, explicou os criterios referidos ás actuacións en materia de infraestruturas, primando os tránsitos peonís, de ciclistas e de persoas de mobilidade reducida sobre a circulación rodada que a Deputación de Pontevedra seguirá nos vindeiros catro anos.

Posteriormente, os membros da reunión trasladáronse ao núcleo da vila, onde se estudaron diferentes actuacións concretas en materia de accesibilidade, singularmente na zona do paseo marítimo, onde se plantexou a posibilidade de eliminar zonas de aparcamento e restrinxir a circulación de vehículos, cuestión que a curto prazo non está dentro da axenda do goberno local.

A alcaldesa, pola súa banda, plantexou ao deputado de Infraestruturas a necesidade de mellora de varias estradas provinciais dentro do municipio e a instalación de beirarrúas en algunhas vías, así como a realización de desbroces e limpezas de cunetas en tramos concretos da rede provincial.

Neste sentido, Uxío Benítez instou á rexedora de Moaña a realizar un informe sobre os tramos de estradas provinciais máis problemáticos a nivel de seguranza viaria, co fin de priorizar as actuacións que se poidan levar a cabo no futuro. De feito, a Deputación está a traballar na elaboración dunha actuación xenérica para toda a provincia co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguranza viaria dos 1.700 quilómetros de vías provinciais.

O Concello de Moaña conta con catro estradas de titularidade da Deputación: a EP-1101 entre Moaña-Berducedo (2,8 quilómetros), a EP-1102 entre Meira-Fraga (5,227 quilómetros), a EP-1103 San Benito-Domaio (2,441 quilómetros) e a EP-1104 Moaña-Coiro (3,960) que conecta co Concello de Cangas

6 de novembro de 2015 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.