publicidade hoxe

A Deputación de Lugo e o Concello de Guitiriz retoman o proxecto da residencia e centro de día público na Casa da Botica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+
Darío Campos e Regina Polín

Darío Campos e Regina Polín

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, mantiveron un encontro este martes no Pazo de San Marcos no que abordaron a situación do proxecto de construción da residencia e centro de día público na Casa Botica. O Presidente e a Alcaldesa acordaron axilizar este proxecto, que o municipio mantivo bloqueado durante últimos 4 anos, para iniciar a súa execución no 2016.

Deste xeito, proximamente convocarase a Comisión de Seguimento do proxecto para a súa avaliación por parte dos técnicos municipais e provinciais e a Alcaldesa levará ao Pleno a aprobación inicial do PXOM, que é imprescindible, segundo a normativa urbanística, para poder poñer en marcha as obras. Dende hai anos, a Deputación ten comprometido unha partida de 1,2 millóns de euros para a súa construción. Pola súa banda, Regina Polín recortou os custos do goberno municipal para con este aforro financiar a parte que lle corresponde ao Concello, que é de 200.000 euros.

A residencia e centro de día público na Casa da Botica é unha dotación social moi demandada polos veciños de Guitiriz, pois ata se creou unha plataforma cidadá na súa defensa, que secundan miles de persoas, tendo en conta que o anterior Alcalde se negou reiteradamente a súa construción, que sempre defendeu Regina Polín, que, precisamente, é a promotora deste proxecto.

Na actualidade, ducias de veciños de Guitiriz están en centros de Castro de Rei, O Incio, Quiroga ou Outeiro de Rei porque no seu Concello non contan con esta prestación, que Deputación e Concello acordaron impulsar. Deste xeito, xunto á dotación dun servizo social necesario para os veciños deste municipio, outro dos beneficios da execución deste proxecto é a recuperación dun emblemático inmoble, como é a Casa da Botica.

18 de novembro de 2015 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.