publicidade hoxe

A aula móbil de Garantía Xuvenil chega a Redondela e o Porriño e Tui acollerán charlas informativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO PorriñoRedondelaTui
A-
A+

O programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria, continúa a campaña informativa que percorrerá preto dun cento de concellos galegos. Esta semana, a aula móbil visitará a vila de Redondela, onde estará instalada o mércores 11 e o xoves 12, en horario de 12 da mañá a 8 da tarde, ao carón do concello (Rúa Alfonso XII, 2).

Ademais, o mércores 11 haberá charlas informativas nos concellos de Tui e O Porriño. As sesións desenvolveranse nas aulas CeMIT destas dúas vilas. A cita en Tui será ás 10 horas na aula situada no Edificio Area Panorámica (Rúa Colón, 2), mentres que no Porriño, a charla será no Multicentro de Torneiros (Ribeira, s/n).

O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados. Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.

Todos os interesados en acudir ás xornadas informativas ou visitar a aula móbil poden acudir sen cita previa ou ben anotándose no teléfono 881 99 57 00. As charlas son de libre acceso e contarán coa presenza dun orientador que explicará os beneficios da estratexia de Garantía Xuvenil e solventará todas as dúbidas dos asistentes.

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

9 de novembro de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.