publicidade hoxe

Xosé Leal presenta no Grove as actividades culturais que a Deputación achega aos concellos ata final de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+
Presentación da oferta cultural

Presentación da oferta cultural

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, presentou esta mañá no Grove, acompañado polo alcalde da localidade, José Cacabelos, a exposición ‘As veas (continúan abertas)’ que poderá visitarse a partires do mércores 28 de outubro e ata o 8 de novembro na carpa institucional. Con esta exposición, a área de Cultura da Deputación inicia un percorrido por 21 concellos da provincia aos que levará distintas actividades culturais no que resta de ano. “Somos conscientes de que os concellos teñen actividade propia no eido da cultura, pero moitas veces non poden chegar a determinado tipo de oferta, por iso desde a Deputación queremos achegar estas actividades ao maior número de concellos posible” afirmou Xosé Leal.

A mostra que poderá verse en O Grove recolle 28 fotografías obtidas en Perú e El Salvador, nas que os fotógrafos de prensa Alba Sotelo e Adrián Mandado tratan de reflectir e achegar ao público a realidade das condicións de vida destes dous países. “A xénese desta exposición é a de dúas persoas que se desprazan a Perú e a El Salvador a colaborar e axudar desde o ámbito da cooperación e que posteriormente conflúen nunha mesma exposición para sensibilizar e mover á reflexión ao público que visite a mostra” explicou Xosé Leal. Pola súa banda, o alcalde de O Grove, José Cacabelos, asegurou que ” neste Concello está demostrado que temos moitísima sensibilidade cultural con todas as disciplinas artísticas, vese na elevada afluencia de xente que vén a todos os actos, polo que queremos poñer á súa disposición o maior número posible de actividades”. José Cacabelos agradeceu ao deputado provincial de Cultura que contase con O Grove e que o incluíse no itinerario de concellos aos que achega este tipo de actividades.

 A exposición ‘As veas (continúan abertas)’ divídese en catro bloques con diferentes olladas sobre o país, os problemas, a historia e a mirada. Vén de estar exposta en Bueu e despois de estar en O Grove tamén poderá verse en Poio. Previa á inauguración celebrarase unha charla, ás 19:00 horas, na propia carpa que acolle a mostra, baixo o título ‘Reflexións dende Galicia cara Latinoamérica’. Na charla participarán os autores das fotografías, Alba Sotelo que ademais de fotógrafa é traballadora do audiovisual e cooperante en varias ONG’s, e Adrián Mandado que é fotógrafo e antropólogo e tamén cooperante en ONG’s. Tamén participará a técnico da ONG Agareso, Carmen Novas. Esta charla ten por obxecto de explicar a experiencia dos fotógrafos  nestes dous países latinoamericanos e poder transmitir a súas vivencias de primeira man. A inauguración celebrarase inmediatamente despois, ás 20:30 horas, o mércores 28 de outubro.

Esta exposición forma parte dunha serie de actividades culturais que desde a Deputación se poñen a disposición dos concellos da provincia e que, no que resta ata final de ano, completará un itinerario de 21 concellos.  En total son 4 exposicións, ‘As veas (continúan abertas)’, ‘Mulleres galegas na historia’, ‘Fotografías de José Bellver’, e ‘Insectos xilógrafos devoradores de madeira’; dous concentos infantís, ‘Os Piñeiriños’ e ‘ Concerto infantil de Manoele de Felisa’; e varios obradoiros de restauración para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.

Actividades culturais por comarcas

Na comarca do Morrazo, serán tres as actividades que chegarán a outros tantos concellos. En Cangas inaugurase o xoves 29de outubro, ás 20:00 horas, a exposición ‘Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos’. Esta mostra permanecerá no Centro Cultural ata o 14 de novembro. Fai un percorrido pola historia e evolución do traxe tradicional galego partindo da reprodución de cadros de autores e temática galega que se conservan no Museo de Pontevedra. No marco desta exposición, celebraranse dúas actividades. Un obradoiro sobre adobíos para traxe tradicional galego de bordado ao aire, que se celebrará os días 30 de outubro e 6 de novembro, en horario de 19 a 21 horas; e un obradoiro infantil sobre a creación de cadros con traxes tradicionais a través dunha aplicación informática, que se celebrará o 31 de outro en horario de 11:30 a 13 horas. En Moaña celebrarase un espectáculo de poesía musicalizada para os máis pequenos e pequenas, a cargo do cantautor galego  Manoele de Felisa. Será o día 21 de novembro, ás 17:30 horas no Centro Sociocultural Daniel Castelao.  En Bueu celebrarase un espectáculo de música e poesía para público infantil baixo o título ‘Os Piñeiriños’ . Este espectáculo está baseado en poemas musicalizados acompañados de títeres, composicións de luces e sombras, e coreografías e bailes. Será o 22 de decembro, ás 17:30 horas no Centro Social do Mar.

Na comarca de Caldas poderá visitarse na Casa da Cultura de Caldas, entre o 5 e o 22 de novembro a exposición ‘Fotografías de José Bellver’, que recolle máis de sesenta instantáneas datadas entre 1920 e 1050 e que forman parte dos fondos do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra. En Pontecesures celebrarse un obradoiro de restauración, impartido por monitores da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos; e en Catoira, ás 18:00 horas do 5 de decembro no Auditorio Municipal está previsto que se celebre o Concerto Infantil de Manoele de Felisa. En Cuntis, entre os días 13 e 29 de novembro na Casa da Cultura, poderá visitarse a exposición ‘Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’ na que se fai un percorrido pola vida, a obra e o tempo no que viviu o  homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

Na comarca de Deza e Tabeirós-Montes celebraranse obradoiros de restauración, dirixidos polos monitores da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, o día 28 de novembro en Vila de Cruces e o 19 de decembro en Cerdedo. En Silleda, entre os días 6 e 27 de novembro poderá visitarse a exposición ‘Insectos xilográficos devoradores de madeira’ na Casa da Cultura. Esta exposición está composta por fotografías que amosan ao detalle e dun xeito perceptible a acción deste tipo de insectos, que se alimentan de madeira seca. Como actividade paralela, esta exposición contempla un obradoiro impartido pola Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia sobre fotografía de natureza.

Na comarca do Baixo Miño poderá verse a exposición ‘Mulleres Galegas na Historia’ no mercado de Tomiño entre os días 21 de novembro e o 6 de decembro. Esta exposición fai un percorrido pola vida das mulleres máis representativas da nosa historia como poden ser María Castaña, Maruja Mallo ou La Bella Otero. Como actividade paralela inclúe unha sesión de contacontos a cargo de Celso Fernández Sanmartín con contos tradicionais galegos nos que a muller ten un papel protagonista. En A Guarda poderá verse a exposición ‘Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos’ entre os días 10 e 21 de decembro, na sala de exposicións do Centro Cultural. Os obradoiros de bordado para adultos serán os días 12 e 19 de decembro e o infantil sobre creación de cadros con novas tecnoloxías será o 21 de decembro.

Na comarca do Condado-Paradanta realizaranse obradoiros de restauración, dirixidos polos monitores da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, en A Cañiza o día 14 de novembro na Casa da Cultura entre as 11 e as 14 horas; en Mondaríz  o 5 de decembro no Centro Social tamén de 11 a 14 horas; e en Salvaterra (data aínda sen confirmar).

Na comarca de Pontevedra poderá visitarse a exposición ‘As Veas (continúan abertas)’ en Poio; e celebraranse os obradoiros de restauración en Barro os días 21 e 28 de novembro na Biblioteca, en Cotobade o 21 de novembro tamén na Biblioteca, e en Vilaboa (data aínda sen confirmar)

Na comarca de Vigo poderá visitarse a exposición ‘Insectos xilográficos devoradores de madeira’ en Gondomar do 4 ao 18 de decembro , co correspondente obradoiro de fotografía na natureza;  e en Mos celebrarase o concerto infantil a cargo do cantautor Manoel de Felisa o 28 de decembro ás 19:00 horas no Pazo dos Marqueses.

27 de outubro de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.