publicidade hoxe

Xosé Leal participa en Cangas na apertura dunha exposición sobre traxes tradicionais galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, participou na apertura e visita á exposición ‘Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos’ na Casa de Cultura de Cangas, onde permanecerá ata o vindeiro 14 de novembro. A visita estivo guiada polo comisario da mostra, José Luis Rodríguez, e presidente da Asociación Cultural Gaiteiros ‘Os de Algures’. Tras o percorrido, Xosé Leal destacou que esta exposición “conecta directamente co gran interese que existe actualmente por todas as cuestións relacionadas coa música e o baile tradicionais, como demostra a existencia dun gran número de asociacións neste ámbito tanto no conxunto da provincia como nesta comarca”.

A exposición está conformada por paneis nos que se reproducen obras importantes da historia da pintura galega e nas que aparecen reproducidos diferentes traxes tradicionais. Recóllense obras de pintores de primeira fila da historia da pintura do noso país, e que se conservan no Museo de Pontevedra, como é o caso de Fernando Álvarez de Sotomayor, Carlos Sobrino, Suárez Castro, Román Navarro ou o mesmo Alfonso Daniel R. Castelao. 

Durante a visita guiada, José Luis Rodríguez explicou a historia do traxe tradicional galego, os tecidos cos que estaban confeccionadas as diferentes pezas, as prendas que o conforman e o seu uso, o tipo de bordados, o calzado, as xoias e os complementos. “É importante difundir e fomentar a nosa identidade, e coñecer as expresións da nosa cultura e dos códigos que conforman as nosas tradicións como sociedade” engadiu o deputado provincial de cultura.

No percorrido que se completa nesta mostra pode apreciarse a historia e a evolución do traxe tradicional, que  experimentou numerosos cambios desde a súa orixe adaptándose aos gustos e necesidades de diferentes épocas, permanecendo o traxe dos séculos XVIII e XIX como o arquetipo máis doadamente identificable a primeira vista.

Actividades paralelas

Co obxecto de contribuír a recuperar e manter viva a tradición relacionada co traxe tradicional, na exposición inclúe un obradoiro de adobíos de bordado ao aire, que se celebrará en dúas sesións, os días 30 de outubro e 6 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. Este obradoiro permitirá aprender e practicar as técnicas básicas do bordado ao aire con vidriños seguindo as de elaboración do séculos XIX.

Para os máis pequenos e pequenas tamén se realizará un obradoiro , baixo o título ‘Viste o teu Cadro!’. Será impartido a través dunha aplicación informática que lles permitirá traballar e xogar coa creación de cadros propios, colocando as pezas do traxe tradicional galego aos personaxes das obras que vaian creando. Este obradoiro terá lugar o sábado 31 de outubro en horario de 11:30 a 13 horas. 

29 de outubro de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.