publicidade hoxe

‘Venres nas librarías’ ofrece sete novos encontros literarios e musicais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFozLugoNarónVigo
A-
A+

O programa ‘Venres nas librarías’ para o fomento do libro e da lectura regresa esta semana con sete novos encontros con autores e autoras, que terán lugar entre hoxe e mañá na Coruña, Vigo, Narón, Lugo e Foz.

Promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, o programa contará esta semana coa participación dos autores Pedro Feijoo, Sérgio Tannus, Paco Rivas, Francisco Antonio Vidal, Vicente Piñeiro, As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez– e Miguel Ángel Alonso, que lle achegarán ao público as seus traballos máis recentes.

A programación desta semana comezará hoxe en Lugo, na libraría Trama, onde terán lugar dúas presentacións. Na primeira, ás 17:30 horas, o artista brasileiro radicado en Galicia Sérgio Tannus dará a coñecer o seu libro-disco ‘Alegría!’. Na obra, que viu a luz o pasado mes de maio na Editorial Galaxia, a pequena eiruga Alegra vai vivindo aventuras sorprendentes que, canción a canción, levarán os máis novos polo territorio da fantasía.

A Schinlinder galega

A continuación, a partir das 19:30 horas, Vicente Piñeiro presentará ‘Lola Touza. La Schinlinder Gallega’, editada o pasado mes de setembro pola editorial Toxosoutos. Na obra, o autor lucense relata a historia de Lola Touza, considerada a ‘Schinlindler galega’, que rexentaba o quiosco da estación de Ribadavia (Ourense) e que entre 1941 e 1945 decidiu axudar a fuxir a máis de 500 xudeus dunha morte segura a mans dos nazis.

En Narón, ás 19:00 horas, o autor Francisco Antonio Vidal manterá un encontro cos lectores e lectoras na libraría Day, onde presentará a súa obra ‘O coitelo de pedra fundida’ (Toxosoutos), mentres que ás 20:00 horas, na libraría Couceiro da Coruña, o escritor e filólogo Paco Rivas presentará a súa obra ‘De punta a chicote’ (Edicións do Cumio).

‘Morena, perigosa e romántica’

A xornada de hoxe completarase cun encontro literario co escritor Pedro Feijoo, que presentará ás 20:00 horas na libraría Andel de Vigo a obra ‘Morena, perigosa e romántica’. Edicións Xerais edita a disparatada aventura dun grupo de xente decidida a todo para saír do desastre en que a crise converteu as súas vidas. Acompañarán o autor o xornalista Jacobo Buceta e o director de Xerais, Manuel Bragado.

A xente miúda, protagonista do sábado

O sábado, o programa Venres nas librarías chegará a Foz ás 12:00 horas, na libraría Bahía, onde As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez, ou, o que é o mesmo, Mai e Miña– presentarán cun pequeno concerto a obra ‘Unha viaxe polo mundo’ (Editorial Galaxia). Con este libro-disco, as moenses farán viaxar os máis pequenos arredor do mundo a través da música.

Á mesma hora, o autor Miguel Ángel Alonso Diz realizará unha viaxe a través dos contos ‘A nena á que non deixaban ser feliz’, ‘O soño de Esther’ e ‘O valente coello que quixo soñar, –editados por Nova Galicia Edicións, na que o autor converterá os rapaces e rapazas en protagonistas activos das historias.

Máis de 80 actividades

Os venres e sábados dos meses de outubro e de novembro de 2015, o programa Venres nas librarías ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.

Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– son o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras, e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas, nas que se promove a participación activa de público de todas as idades.

A través das redes sociais

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso Andel do agasallo. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a fala. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial.

16 de outubro de 2015 | 11:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.