publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘Venres nas librarías’ ofrece esta semana encontros con autores en oito concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCeeFozLugoMoañaOurenseSantiago de CompostelaSanxenxoVigo
A-
A+

O programa ‘Venres nas librarías’ regresa esta semana con novas actividades para promover o libro e a lectura, a través de encontros literarios e musicais con autores e autoras que se desenvolverán entre mañá venres e o sábado 24 de outubro en oito municipios das catro provincias galegas.

Os concellos de Cee, Ourense, Sanxenxo, Moaña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo e Foz serán os diferentes escenarios das novas actividades que se realizarán no marco desta iniciativa, promovida polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía, Emprego e Industria –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Comercio–, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

A primeira xornada, o venres 23, abrirá Miguel Ángel Alonso, ás 18:30 horas, na libraría O Pontillón, en Moaña, onde ofrecerá a actividade ‘Na tarde un conto’. Nela convida os nenos e nenas a participar nunha viaxe que os levará a través dos seus contos, coas obras ‘A nena á que non deixaban ser feliz’, ‘O soño de Esther’ e ‘O valente coello que quixo soñar’, editadas por Nova Galicia Edicións.

O autor Francisco Antonio Vidal tamén manterá mañá un encontro cos lectores e lectoras, ás 19:30 horas, na libraría Ler de Cee. Alí presentará o seu libro ‘O coitelo de pedra fundida’ (Toxosoutos), unha obra ambientada no Calcolítico que aborda a revolución social que supuxo o descubrimento da fundición e de como os novos obxectos fabricados a partir dela se converten en elementos de luxo e de poder.

Á mesma hora, o polifacético José Julio Fernández estará na libraría Káthedra de Ourense para dar a coñecer a súa obra ‘Astropal. Un cometa con corazón’ (Hércules de Ediciones). Farao acompañado de Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento, e da nena María García Sanjurjo, encargada de guiar o coloquio co autor e o convidado, ao que seguirá un diálogo aberto co público.

Encontro literario con Pedro Feijoo

En Sanxenxo, na libraría Nós, o escritor vigués Pedro Feijóo presentará ás 20:00 horas o seu último libro, ‘Morena, perigosa e románica’. Edicións Xerais edita a disparatada aventura dun grupo de xente decidida a todo para saír do desastre en que a crise converteu as súas vidas. Tamén participará o director de Xerais, Manuel Bragado.

E na capital galega, a libraría Pedreira acollerá mañá un encontro literario con David Pérez, que presentará, ás 20:00 horas, a súa obra ‘Historia de Galicia’, acompañado polo editor Cándido Meixide. Publicado por Edicións do Cumio o pasado mes de abril, esta obra divulgativa debulla polo miúdo a formación de Galicia, os seus sucesivos poboadores, o seu esplendor, declive e reverdecemento, con actualización de datos históricos de relevancia.

Xesús Constenla e As Maimiñas, en Lugo

A cidade da muralla será mañá outro dos escenarios do programa. Na libraría Trama, o ferrolán Xesús Constela presentará, ás 19:30 horas, a súa a súa obra ‘Apoteose das perchas’ (Edicións Embora), que ten como protagonistas un xove mendigo dun barrio nopolitano e o misterio de catro asasinatos sen resolver.

O 24 de outubro, Día da Biblioteca, o programa ‘Venres nas librarías’ estará de novo na libraría Trama de Lugo con As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez, que presentarán cun pequeno concerto a obra ‘Unha viaxe polo mundo’ (Editorial Galaxia). Con este libro-disco, as moenses farán viaxar os máis pequenos arredor do mundo a través da música.

Propostas para o sábado

Na mañá do sábado, ‘Venres nas librarías’ tamén chegará a Vigo, a Foz e mais á capital de Galicia. No concello vigués, o músico e compositor coruñés Fran Amil ofrecerá un pequeno concerto de presentación do libro-CD ‘Un conto do revés’ (Editorial Galaxia), unha aventura singular para ler, escoitar e soñar. Será ás 12:00 horas na libraría Andel.

Á mesma hora, o músico brasileiro radicado en Galicia Sérgio Tannus tamén manterá un encontro cos lectores e lectoras na libraría Bahía de Foz, onde presentará o seu traballo ‘Alegría’. Na obra, que viu a luz o pasado mes de maio na Editorial Galaxia, a pequena eiruga Alegra vai vivindo aventuras sorprendentes que, canción a canción, levarán os máis novos polo territorio da fantasía.

A programación desta semana completarase coa actividade que acollerá a libraría compostelá Pedreira, ás 12:00 horas. Alí, Miguel Ángel Alonso fará gozar os máis novos con ‘Na mañá un conto’, arredor das súas obras ‘A nena á que non deixaban ser feliz’, ‘O soño de Esther’ e ‘O valente coello que quixo soñar’, publicadas por Nova Galicia Edicións.

Máis de 80 actividades literarias e musicais

Desde a súa posta en marcha o pasado 2 de outubro e ata o 28 de novembro, o programa ‘Venres nas librarías’ ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos, que se realizarán semanalmente os venres e os sábados. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.

As librarías, punto de encontro

Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– son o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras, e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas, nas que se promove a participación activa de público de todas as idades.

Concursos nas redes sociais

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso ‘Andel do agasallo’. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a fala. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial. O concurso realízase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook www.facebook.com/CulturaGalegaXunta.

As actividades do programa ‘Venres nas librarías’ poden consultar en www.cultura.gal, a través da Axenda da Cultura de Galicia.

22 de outubro de 2015 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.