publicidade hoxe

“Venres nas librarías” bota a andar con encontros con escritores en Vigo, Ourense, Lugo e Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMoañaOurenseVigo
A-
A+

A nova edición do programa “Venres nas librarías”, promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía e Industria, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia para fomentar o libro e a lectura, bota a andar esta fin de semana nos concellos de Vigo, Ourense, Lugo e Moaña cun total de cinco actividades, nas que os autores Paco Rivas, Afonso Eiré, Suso Lista, Miguel Ángel Alonso Diz e Sérgio Tannus darán a coñecer as súas obras máis recentes.

Os escenarios destes encontros entre autores e lectores e lectoras, que se realizarán hoxe venres e mañá sábado, serán as librarías Cartabón, Káthedra, Andel, O Pontillón e Trama. Nesta última, situada na cidade de Lugo, Suso Lista dará a coñecer hoxe, ás 20:00 horas, o seu libro ‘Xeixos’, publicado por Edicións Embora o pasado mes de xuño. O escritor, actor, guionista e percebeiro de Corme, que desvela “o mundo enteiro” nos 30 relatos que conforman o libro, estará acompañado polo editor Miguel Toval.

Investigación novelada sobre o último guerrilleiro

Tamén esta tarde, ás 20:00 horas, “Venres nas librarías” chegará ao concello de Ourense. Na libraría Káthedra, Afonso Eiré, acomopañado do profesor Fernando Varela, achegaralle ao público a figura de Xosé Luís Castro Veiga, coñecido popularmente como ‘Piloto’. Baixo o título de ‘O piloto. O último guerrilleiro’ (Hércules de Ediciones), o xornalista e escritor de Chantada presenta un libro de investigación novelada no que falan os documentos, pero tamén os protagonistas directos e indirectos con voz propia, situados cada un nos seus diversos tempos, na súa época e nas súas particularidades e circunstancias.

A primeira xornada do programa completarase cun encontro, ás 20:00 horas, na libraría Cartabón de Vigo. Alí, o escritor e filólogo Paco Rivas presentará a súa obra ‘TRACA-TRACO. 24 cantigas de nanar, un aloumiño e un arrolo’ (Edicións do Cumio), un libro conformado por 28 poemas ilustrados por Alfonso Otero e musicado. A obra, orientada a pais e nais, educadores e docentes de primaria e secundaria, inclúe un disco con cantigas e arquivos didácticos. Xosé Castro (músico), Montserrat Ogando (vocalista) e Cándido Meixide (editor) acompañarán o autor na presentación, que incluirá un pequeno concerto.

A cidade da oliveira volverá ser mañá un dos escenarios do programa. Nesta ocasión, o escritor Miguel Ángel Alonso Diz estará na libraría Andel para presentar o seu libro ‘O valente coello que quixo soñar’ (Nova Galicia Edicións), unha divertida viaxe a través dos contos na que o autor converte os rapaces e rapazas en protagonistas activos das historias.

A programación desta primeira semana concluirá en Moaña, na libraría O Pontillón, onde o músico de orixe brasileira, radicado en Galicia desde 2006, Sérgio Tannus dará a coñecer o seu libro-disco ‘Alegría!’. Na obra, que viu a luz o pasado mes de maio na Editorial Galaxia, a pequena eiruga Alegra vai vivindo aventuras sorprendentes que, canción a canción, levarán os máis novos polo territorio da fantasía. A presentación, á que está previsto que asista o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, dará comezo ás 12:00 horas e incluirá un pequeno concerto.

Máis de 80 actividades en outubro e novembro

Os venres e sábados dos meses de outubro e de novembro de 2015, o programa “Venres nas librarías” ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.

Encontros cos autores en 17 librarías galegas

Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– serán o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas, nas que se promoverá a participación activa de público de todas as idades.

Concurso nas redes sociais

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso “Andel do agasallo”. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a fala. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial.

O concurso realizarase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook (www.facebook.com/CulturaGalegaXunta).

Novos encontros en 2016

A segunda edición de “Venres nas librarías” prolongarase durante os meses de febreiro e de marzo do ano que vén, nos que se programarán novas actividades arredor das publicacións máis recentes, para achegarlle a cidadanía o libro e a lectura a través dos últimos traballos das escritoras e dos escritores galegos.

2 de outubro de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.