publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Valentín González Formoso visitou os concellos de Curtis e Mesía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtisMesía
A-
A+
Visita do presidente da Deputación da Coruña

Visita do presidente da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional aos concellos de Curtis e Mesía, nas que destacou a importancia de importancia de impulsar dende a institución provincial accións que contribúan ao desenvolvemento social e económico dos concellos rurais e a fixar a poboación nestes territorios.

O presidente provincial visitou en primeiro lugar o Concello de Curtis, onde foi recibido polo alcalde da localidade, Javier Caínzos, e por representantes dos diferentes grupos políticos con representación na Corporación local. Tras asinar no libro de honra do Concello, González Formoso e Caínzos reuníronse por espazo de unha hora para analizar temas de colaboración entre ambas administracións.

Ao remate do encontro no Concello, ambos mandatarios visitaron o centro etnográfico construido en Curtis pola Deputación no marco do Proxecto Mandeo. No percorrido polas instalacións, o rexedor explicou que as labores de promoción desenvolvidas dende o Concello están a xerar un incremento das visitas, que medraron no primeiro semestre deste ano un 33% con respecto ao do ano pasado e que se duplicaron nos meses de verán, pasando das 880 de 2014 a 1.693 durante os meses de xuño, xullo e agosto de 2015. O centro está recibindo ademáis visitas de escolares e universitarios de distintos centros de Galicia.

Actualmente, a Deputación da Coruña financia con 21.600 euros ao ano o servizo de atención a visitantes do centro, que inclúe tamén a dinamización das visitas de grupos de estudantes, cun mínimo de dúas ao mes.

O rexedor de Curtis explicou tamén ao presidente da Deputación algúns dos servizos que presta o seu Concello a municipios veciños e iniciativas de xestión conxunta cos concellos da comarca como a xestión do lixo e o servizos de orientación laboral (compartida entre Curtis, Sobrado e Vilasantar), o Centro de Información á Muller que presta servizo tamén a Sobrado, Vilasantar e outros municipios limítrofes ou o servizo de abastecemento de auga que da servizo tamén a Oza-Cesuras e Vilasantar, polo que pediu que estas inciativas se teñan en conta de cara ao plan que prepara o organismo provincial para apoiar as iniciativas de colaboración intermunicipal.

Ao remate da visita, Caínzos obsequiou o presidente da Deputación cun queixo de tetilla elaborado na localidade, o que serviu para que ambos mandatarios intercambiaran opinións acerca da crise que atravesa o sector leiteiro, de gran importancia para a comarca.

Visita a Mesía

Este asunto estivo tamén enriba da mesa durante a visita a Mesía, onde González Formoso foi recibido polo alcalde Mariano Iglesias Castro, con quen visitou as instalacións do Concello antes de reunirse co rexedor no despacho da alcaldía.

Durante a visita, Iglesias explicou ao presidente da Deputación a importante implantación que teñen no municipio empresas de producción láctea e tamén doutros sectores industriais como a cerámica e cómo contribúen á xeración de emprego e á dinamización da economía local deste concello rural.

Pola súa banda, González Formoso anunciou ao alcalde que no próximo pleno da Deputación aprobarase unha achega de 46.554 euros para contribuir ao mantemento das actividades da Aula da Natureza e no Museo Etnográfico das Brañas de Valga da localidade, que van encamiñadas a difundir a importante riqueza natural coa que conta a zona e á súa conservación e mellora.

En ambos os dous concellos, o presidente da Deputación sinalou que a Deputación ven de distribuir entre todos os concellos da provincia máis de 57 millóns de euros mediante dous plans con criterios obxectivos, o POS e o PAS, e que “serán os concellos os que decidan qué investimentos financian con eses fondos” e os que “prioricen” as súas necesidades. No caso Curtis, a achega de ambos plans provinciais suporá investimentos por importe de 532.343 euros, mentres que en Mesía o importe alcanza os 529.634 euros.

22 de outubro de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.