publicidade hoxe

Unanimidade do pleno de Carballo para subir o gasto social e para dúas declaracións contra a violencia machista e a prol dos refuxiados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación carballesa celebrou o luns 26 de outubro unha sesión plenaria ordinaria que comezou con un minuto de silencio para condenar as agresións por violencia machista. Máis adiante, durante a sesión, recibiu a unanimidade de todos os grupos a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Así mesmo, todos os concelleiros presentes, 20 xa que aínda non tomou posesión o novo concelleiro ou concelleira do PP, apoiaron outra Declaración institucional, neste caso q favor das persoas refuxiadas a causa da crise migratoria que se vive nestes momentos en Europa. Este último punto quedara sobre da mesa na sesión ordinaria de setembro á espera de chegar a un texto de consenso. No apartado económico, tamén recibiron luz verde por unanimidade unha modificación de crédito e unha transferencia de crédito.

No primeiro caso, a operación está destinada a incrementar a partida para o servizo de axuda no fogar para cubrir as baixas, as vacacións, os días de asuntos propios, etc. do persoal a través dun servizo externo por un importe de 43.000 euros. Esta modificación tamén supón unha achega de 15.000 euros máis para as subvencións de acción social a particulares. A partida para estas axudas pasará de 80.000 a 95.000 euros destinados a vales de alimentos, facturas eléctricas, alugueres, etc. para persoas necesitadas. No que respecta á transferencia de crédito, de 66.349,81 euros, servirá para abonar o 26 por cento da paga extra dos traballadores municipais -a parte que permite a lei- para compensar a supresión da paga extraordinaria de Nadal do ano 2012.

Nunha sesión de pouco máis de hora e media na que a maioría dos asuntos recibiron o apoio de todos os concelleiros, tamén foi unánime o apoio a unha moción presentada polo grupo socialista que propón que os Servizos Técnicos Municipais senten, o máis axiña posible, as bases esenciais para a rexeneración global do casco urbano e se adopten solucións encamiñadas á eliminación de barreiras urbanísticas para facer posible a coexistencia segura de peóns, circulación rodada e aparcadoiros. Tamén recolle que, unha vez realizado o estudo e propostas as solucións, se comece inmediatamente cos traballos que se requiran, dando prioridade aos itinerarios peonís máis problemáticos ben polo seu trazado ou estrutura ou ben porque sexan a vía de acceso a edificios públicos por exemplo os accesos ao Pazo da Cultura, Instituto Monte Neme, Biblioteca Municipal Rego da Balsa, CEIP Bergantiños, etc. Rexeitouse pola contra, unha proposta para elaborar un plan de concienciación cidadá para diminuír a presenza de excrementos de cans nas vías públicas. O punto de desacordo referiuse ao apartado relativo ao labor da Policía Local, polo que, finalmente, non saíu adiante.

Xa no que es refire a asuntos de trámite, aprobouse a convocatoria de eleccións para o Consello Escolar Municipal e o Consello Deportivo Municipal; recibiu luz verde a aprobación provisional dunha modificación puntual das normas subsidiarias municipais na Avenida de Bértoa -na rúa Xosé Manuel Eirís- un trámite urbanístico relacionado coa construción do hipermercado Lidl; e os recoñecementos de compatibilidade de traballadores municipais, por parte de Pablo Calvo Periscal, conserxe do Pazo da Cultura; e de María José Pardiño Rial, traballadora do servizo de axuda no fogar. En ámbolos dous casos as compatibilidades contan co informe favorable dos servizos municipais de persoal. Por último, a sesión incluíu a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de medidas contra a morosidade, con pagos por un importe de 2.478.037,88 euros cun total de 1020 facturas abonadas no terceiro trimestre de 2015 cunha medida de 36,68 días.

27 de outubro de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.