publicidade hoxe

Un total de 21 preguntas decidirán se Porto e Basterra son culpables na morte de Asunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Europa Press

As nove persoas que integran o xurado popular no caso da morte de Asunta Basterra iniciaron no mediodía deste luns a súa deliberación para determinar a participación ou non de Alfonso Basterra e Rosario Porto no asasinato da súa filla, algo para o que responderán a un obxecto de veredicto formado por 21 preguntas.

As partes estiveron debatendo o contido do obxecto de veredicto máis de tres horas e media. Posteriormente, o presidente do tribunal, Jorge Cid Carballo, trasladou aos integrantes os principios e regras polos que deben rexer a súa actuación de cara a lograr un veredicto fundado e o cuestionario ao que deberán responder.

Para alcanzar un veredicto, os membros do xurado deberán responder as preguntas que se lle entregaron este luns, acordadas coas partes, en base aos feitos xusticiables, e que fan referencia a aspectos particulares do caso. Deben facelo por orde e terán que votar a todas as cuestións do modo en que reflicte a acta.

Segundo recolle a Lei de Tribunal de Xurado, para considerar que un feito está probado, deberá estar apoiado polo menos por sete dos nove xurados, mentres que para determinalo non probado bastará con cinco votos. Así mesmo, o xurado deberá motivar cada unha das súas respostas en base ao ouvido e visto no xuízo e terá en conta principios como o de presunción de inocencia ou o ‘in dubio pro reo’, que implica que, en caso de existir unha dúbida fundada entre dúas alternativas, débese optar pola que favorece ao acusado.

26 de outubro de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.