publicidade hoxe

Un proxecto piloto no sector da lousa rebaixa á metade do límite establecido á exposición diaria ao po de sílice

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe as instalacións da empresa Pizarras del Valle, en Carballeda de Valdeorras, onde o Goberno galego desenvolveu nos últimos anos un proxecto piloto que, segundo explicou, ten conseguido rebaixar á metade do límite legal establecido a cantidade de exposición diaria dos traballadores ao po de sílice.

Neste sentido, a tecnoloxía implantada na nave, salientou Bernardo Tahoces, permitiu rebaixar os valores límites de exposición de sílice libre a 0,05 mg/m3, fronte aos 0,1 mg/m3 requiridos pola normativa. Para isto, proseguiu, o moderno equipo combina un sistema de nebulización con outro de renovación do aire proxectado, permitindo diminuír dun modo significativo o risco derivado da exposición ao po de sílice.

Segundo subliñou o director xeral, a iniciativa tense desenvolvido en colaboración co Clúster da Lousa, sumando un investimento de 1,2 millóns nos últimos 4 anos. O conxunto das actuacións enmarcadas no proxecto piloto permitiron a monitorización dos resultados, posibilitando a medición da concentración de po de sílice na nave antes e despois da aplicación das medidas.

Agora, e antes os bos resultados acadados, subliñou Bernardo Tahoces, o obxectivo é abrir a posibilidade a replicar esta tecnoloxía no resto do sector, para o cal se elaborará unha guía na cal consten os principios de actuación á hora de proxectar ou remodelar unha fábrica de lousa para minorar os índices de po de sílice.

“Nos últimos anos temos destinado 2,5 millóns de euros á mellora da seguridade e saúde laboral dos traballadores da lousa e do granito”, resaltou Bernardo Tahoces, quen subliñou, tamén, a importancia do novo proxecto no ámbito da innovación e da mellora do modelo competitivo do sector.

23 de outubro de 2015 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.