publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

San Sadurniño insta á Xunta a que tome medidas para evitar as verteduras contaminantes no río Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O cauce do Castro apareceu tinguido de branco este xoves. En Naraío decatáronse a media mañá de que a auga discorría cunha cor estraña, pero non foi ata ben entrada a tarde cando se alertou á Garda Civil e ao SEPRONA para que fixesen as pertinentes indagacións e levantasen atestado do que ocorrera. A falta de información concluínte ao respecto, todo apunta a unha nova vertedura procedente da canteira de áridos situada moi preto do nacemento do río. O Concello, que foi quen chamou polos gardas, cursou esta mañá dúas solicitudes para que tanto a Dirección Xeral de Conservación da Natureza como a de Enerxía e Minas tomen medidas urxentes.

Nas misivas o Concello lembra que o Castro se encontra nunha Zona de Especial Conservación formando parte da Rede Natura 2000 e que, ademais, parte do seu cauce ten a cualificación de couto de pesca sen morte. Os escritos apuntan á canteira situada na cabeceira do río como a orixe máis probable da vertedura. Segundo o Concello de San Sadurniño, o complexo extractivo situado no municipio das Pontes, “verte as súas augas ao río Castro” e, ademais, o caso deste xoves “non é o primeiro episodio de contaminación que se produce no río” polas mesmas causas.

Trala exposición dos antecedentes, o Concello solicítalle a Medio Ambiente “tome as medidas necesarias para asegurar a pronta recuperación ambiental” do río e que se inste “aos departamentos competentes” para asegurar que a canteira “tome as medidas preventivas axeitadas que permitan compatibilizar a súa actividade coa conservación dos valores ambientais da ZEC Xubia-Castro”, incidindo especialmente en que se “evite toda vertedura contaminante”.

No caso da comunicación remitida á Dirección Xeral de Enerxía e Minas pídese, ademais, a seguridade de que as verteduras se eliminen se se demostra a responsabilidade da empresa. Neste sentido o concelleiro de Desenvolvemento local alertou á Garda Civil e ao SEPRONA na tarde de onte co obxectivo de que realizasen o correspondente atestado da situación do río e para que investigasen a procedencia das substancias que o converteron durante todo o día nunha especie de caldo leitoso. 

Malia non atoparse peixes mortos -a diferenza entre un delicto ecolóxico e unha infracción-, desde o Concello indícase que se trata dunha situación “que lle afecta á fauna fluvial e á calidade paisaxística do contorno”. A Garda Civil continuou hoxe coas pesquisas e a súa actuación no caso estará condicionada ao que revelen as mostras de auga recollidas en varios puntos pola Unidade Técnica do SEPRONA.

Un longo historial de episodios idénticos

Malia que nos últimos tempos parecía que o problema das verteduras de áridos no Castro pasara á historia, o suceso deste xoves resucita o recordo da loita veciñal emprendida durante os anos 90 pola asociación de veciños O Castelo de Narahío. Unha romaxe de case dez anos de denuncias nos medios de comunicación e perante as forzas da orde que, á postre, se saldarían con dúas sancións económicas de 1 millón de pesetas cada unha para a empresa Áridos Forgoselo, explotadora da canteira do lugar do Castro. 

A última resolución por delicto ecolóxico -ditada en xullo de 2003- freou en seco as verteduras, que eran máis frecuentes durante os meses do inverno debido ao rebordamento das balsas de decantación da auga de lavar a grava e a area que se procesa na planta. A partir dese ano o problema case desapareceu. Ata o verán de 2009. Poucos días antes do Festival do Río Castro -nacido precisamente como reivindicación contra a degradación ambiental do cauce- volveu producirse unha nova vertedura a causa, segundo a empresa, da rotura accidental dunha das balsas. 

O suceso produciuse xusto no momento en que Áridos Forgoselo solicitaba autorización da Xunta para mudar a clasificación de canteira a mina -así como a ampliación da súa superficie- e a escasos meses de que esta filial de Cuíña S.A. entrase en concurso de acredores xunto con outras firmas pertencentes ao grupo pontés. 

Ata onte mesmo non volvera haber ningún incidente e o río parecía estar recuperado tras anos en que os limos depositados no fondo a piques estiveron de acabar coa flora e a fauna fluvial. Hoxe xa case non quedaba rastro do incidente deste xoves e as augas volvían correr limpas, incluso á saída da canteira do Castro.

16 de outubro de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.