publicidade hoxe

San Sadurniño comezará en novembro o proceso participativo do seu planeamento urbanístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O sábado 7 de novembro toca pleno ordinario en San Sadurniño. E será unha das sesións máis trascendentes dos últimos anos xa que nela se incluirá a aprobación inicial do planeamento urbanístico municipal. Trátase do arranque dun proceso que continuará cun periodo de exposición pública e de recollida de alegacións para o que o Concello quere contar coa máxima participación veciñal. Por esta razón e para explicar todo o referido á tramitación do PXOM, o departamento de Participación convocou xuntanzas nas sete parroquias do territorio que comezarán por Bardaos o luns despois do pleno. Nas asembleas veciñais -que se desenvolverán até o día 18- tamén se abordará a configuración do Orzamento Participativo 2016.

O calendario de reunións proseguirá o martes 10 de novembro en Ferreira, o mércores en Santa Mariña do Monte, o xoves en Igrexafeita e o venres no Camiño Arriba. O luns 16 tocaralle á parroquia de Naraío, o martes 17 á de San Sadurniño e o mércores desa semana a rolda de encontros veciñais finalizará en Lamas. Todas as xuntanzas están fixadas para as 19.30h. nos locais sociais de cada unha das parroquias agás no caso de San Sadurniño, onde terá lugar na Casa da Xuventude.

Nun boletín Novas especial que xa se comezou a repartir polo territorio, o Concello explica o dobre contido das asembleas veciñais. Dunha banda servirán para definir as prioridades de cara ao 2016, tanto desde o punto de vista dos investimentos que deberá recoller o orzamento municipal como desde o daquelas ideas e propostas que contribúan, entre outras cuestións, a mellorar e ampliar servizos ou optimizar a xestión do Concello. Búscase continuar a liña participativa iniciada en 2008 por medio da que a veciñanza ten a oportunidade de formular as súas achegas que despois se sistematizan e se debaten no seo da Mesa de participación veciñal, integrada por representantes políticos, das entidades sociais e por persoas designadas en cada parroquia para defendelas. A Mesa ten tamén data fixada: o día 26 de novembro ás 20.00h. no salón de plenos do Concello. Dela sairá un documento de prioridades que se presentará na sesión extraordinaria dos orzamentos municipais que o Concello ten previsto convocar para antes do remate do ano.

Porén, doutra banda, o Novas tamén fala do outro grande punto que seguramente marque a actualidade municipal nos próximos meses: o proceso de aprobación do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de San Sadurniño. Un asunto que nos últimos anos foi acumulando retrasos por mor dos sucesivos cambios que se produciron na normativa galega reguladora do chan. 

Logo de que a empresa redactora deseñase un documento de base e despois de que lle incorporase as observacións formuladas pola Xunta, agora o planeamento está listo para comezar a súa tramitación municipal. O arranque do procedemento producirase o sábado 7 de novembro no pleno ordinario coa súa aprobación inicial, que irá seguida dun periodo de exposición pública de 2 meses de cara a que poidan formularse alegacións. Un proceso no que o Concello quere ofrecer a máxima información e, a partir de aí, contar coa máxima participación cidadá de cara a obter “un planeamento consensuado e que responda ás necesidades do San Sadurniño que queremos para os próximos 20 ou 30 anos”, tal e como sinalou esta mañá Secundino García. O alcalde lembrou que a aprobación inicial do planeamento “é o punto de arranque do San Sadurniño do futuro e por iso fai falla que a xente teña a máxima información sobre o seu contido e que as achegas e melloras que se propoñan estean fundamentadas nese coñecemento”.

Nas xuntanzas participativas -que comezarán dous días despois do pleno- informarase sobre o planeamento e sobre os mecanismos que habilitará o Concello para darlle a máxima difusión ao seu contido durante a fase de exposición pública. Así, a cartografía e a literatura estarán expostos na Casa do Concello e o persoal técnico municipal facilitará información detallada e resolverá calquera dúbida, ademais de axudar a preparar os escritos de alegación que se queiran presentar. 

Pasado o periodo de exposición pública -2 meses despois da aprobación inicial- o Concello fará un informe no que estimará razoadamente as suxestións recibidas, incorporaranse ao documento e reenviaránselle á consellería competente en Medio ambiente para que elabore unha memoria ambiental. Unha vez recibido o este novo informe da Xunta, o pleno aprobará o provisionalmente o PXOM e, se cumpre todos os requisitos, será a consellería con competencias en urbanismo quen lle dea o visto e prace definitivo. 

27 de outubro de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.