publicidade hoxe

Rueda destaca a importancia para os pequenos concellos das axudas do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboCrecente
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe os concellos pontevedreses de Arbo e Crecente onde destacou a importancia que teñen para os pequenos concellos as axudas do Fondo de Compensación Ambiental e da Orde de Infraestruturas.

No concello de Arbo, Rueda que estivo acompañado do alcalde, Horacio Gil, coñeceu de primeira man as actuacións levadas a cabo xa que este ano o concello recibiu máis de 100.000 euros que lles teñen permitido poñer en marcha un proxecto de eficiencia enerxética de luz pública do concello, a recuperación e mellora das estacións depuradoras e a mellora e ampliación de infraestruturas como os parques infantís.

Acto seguido, Alfonso Rueda desprazouse ata o concello de Crecente onde xunto ao seu alcalde, Julio García-Luengo visitaron hoxe as obras levadas a cabo no Concello pontevedrés que se realizaron ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta. Concretamente, o concello de Crecente recibiu 25.000 euros para a mellora das redes de alumeado público, cun importante aforro e e mellora na eficiencia enerxética. Estas pequenas actuacións benefician directamente aos veciños, e contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida.

Segundo palabras do vicepresidente, grazas á orde de infraestruturas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos. A Orde de Infraestruturas de uso público é unha ferramenta que o Goberno galego pon á disposición dos concellos para financiar infraestruturas que beneficien directamente aos seus veciños. O ano pasado beneficiáronse destas axudas máis de 70 concellos a través de diversos proxectos.

A contía para este ano ampliouse ata os preto de oito millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o que representa a aposta da Xunta polo rural galego, apoiando ás entidades locais no financiamento de proxectos esenciais para incentivar o asentamento de poboación no rural.

26 de outubro de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.