publicidade hoxe

Rueda apela ao criterio legal como o mellor que se pode ter en casos como o de Andrea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, opinou este venres que “o criterio legal” é “o mellor que se pode ter” ante situacións como a de Andrea, a nena cunha enfermidade neurodexenerativa irreversible para a que os seus pais piden unha morte digna coa oposición do equipo clínico que a atende no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Preguntado ao respecto, o vicepresidente recordou que xa existía un auto xudicial do pasado mes de xullo sobre o tratamento que a nena debía recibir e que agora o hospital contactou de novo co xuíz para ver se eses criterios de limitación do esforzo terapéutico se modifican ou non.

“Veremos qué decisión se toma”, apostilou Rueda ao respecto, non sen deixar claro que entende “perfectamente os sentimentos dos pais” e tamén a postura que está a manter o equipo clínico”. “Agora é un xuíz quen ten que decidir”, resolveu.

Na mesma liña, incidiu en que se trata dunha situación “dificilísima” na que inflúen “sentimentos e circunstancias de tipo persoal”, de modo que a un xuíz corresponde resolver a “discrepancia na interpretación da lei”. “A Xustiza é a garante da axeitada interpretación das leis”, resolveu.

Cuestionado sobre a acusación de SOS Sanidade Pública de Santiago sobre que a postura do xefe de Pediatría do CHUS, José María Martinón, responde ao seu criterio “ideolóxico”, Alfonso Rueda mostrouse “seguro” de que iso “non é así”. Deste modo, reivindicou a “profesionalidade” do equipo clínico. “Seguro que están a intentar facelo o mellor posible e que tomar a decisión máis axeitada á marxe de ideoloxías”, concluíu.

2 de outubro de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.