publicidade hoxe

Representantes das catro deputacións galegas comparten en Oleiros experiencias de xestión medioambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleiros
A-
A+
Inauguración do foro

Inauguración do foro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), Carlos Vales, inauguraron esta mañá no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) un foro baixo o título “A perspectiva local na xestión do medio ambiente e os espacios naturais”. Ao longo da xornada diversos expertos analizaron exemplos de boas prácticas realizadas por concellos e deputacións neste eido.

González Formoso gabou “a gran labor divulgativa desenvolvida polo CEIDA” no campo medioambiental e destacou a importancia da creación e a conservación de espazos naturais dende as administracións locais, pois supoñen “unha oportunidade” para o desenvolvemento local dende unha triple perspectiva: ambiental, socioeconómica e educativa.

O presidente da Deputación afirmou que os concellos “sofren moitas veces a implantación por decreto de figuras de protección ambiental” que os veciños non comparten nin entenden e criticou “certa falta de sensibilidade das administracións” neste aspecto. Neste sentido, avogou por “consensuar e formar” á sociedade para “facela partícipe” e lograr a súa colaboración en iniciativas medioambientais e de protección de espazos naturais, implicando tamén á veciñanza, colectivos sociais, grupos de desenvolvemento rural, etc.

“Ás veces as administracións parten da concepción de que ao mundo rural hai que tutorizalo” afirmou González Formoso que considerou erróneo ese posicionamento e avogou por “cambiar esa concepción”.

Clausura

O Foro foi calusurado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que destacou que a cooperación e colaboración “fanse aínda máis urxentes cando se trata do ambiente e dos espazos naturais, un ámbito de especial relevancia no que é esencial o traballo conxunto das entidades locais”.

“É obriga dos poderes públicos conservar, protexer e pór en valor a nosa riqueza natural e ten que ser este un obxectivo prioritario que nos comprometa a todos e todas, ás entidades públicas e privadas, á veciñanza e aos gobernos”, dixo, ao tempo que aplaudiu o encontro no que participaron cargos electos, técnicos e técnicas de educación ambiental, responsábeis de empresas ou persoal da administración, entre outras, e a creación de sinerxías da que tira proveito o conxunto do pobo galego.

Para Goretti Sanmartín as entidades locais teñen un papel fundamental á hora de promover “o respecto polo ambiente, de educar e concienciar da relevancia deste patrimonio colectivo que é non só recurso natural senón tamén económico e garantía de futuro do noso propio país”.

Lamentou a “falta de concreción e o escaso desenvolvemento” da materia e reclamou unha perspectiva estrutural, con visión de futuro para unha cuestión que por obriga ten que ser transversal e afectar a unha pluralidade de áreas, desde o urbanismo, a economía ou a cultura pasando pola educación ou os servizos sociais. “Este é un ámbito que esixe implicación, complicidade coa sociedade, traballo educativo, e iso tamén é a nosa responsabilidade. O mellor legado que lles podemos deixar ás xeracións futuras é o coidado do medio”, engadiu Goretti Sanmartín.

Entre os participantes na xornada de hoxe figura Carles Dalmases da Deputación de Barcelona, que falou da experiencia desta Deputación na xestión de espacios de alto valor natural, así como representantes técnicos e políticos das deputacións de Ourense, Lugo e Pontevedra, que expuxeron exemplos de boas prácticas desenvolvidos nas catro provincias galegas.

22 de outubro de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.