publicidade hoxe

Raquel Arias anima aos alumnos do Río Sor III a aproveitar a súa estadía no obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMurasO VicedoOurol
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, reuniuse hoxe cos 20 alumnos traballadores do obradoiro de emprego Río Sor III, así como os 6 traballadores que conforman o cadro de persoal, para recabar a súa valoración sobre o desenvolvemento do plan formativo, que a Xunta financia con preto de 180.000 euros, cando están a punto de chegar ao seu ecuador.

No encontro, que tivo lugar na casa da cultura do Vicedo, participaron tamén os alcaldes dos tres concellos implicados na iniciativa Jesús Novo, José Luis Pajón e Manuel Requeijo, mandatarios do Vicedo, Ourol e Muras respectivamente.

No Rio Sor III estanse a impartir dúas especialidades. Unha é a de traballos de carpintería e moble, á que están adscritos unha ducia de alumnos traballadores e que están a realizar o mobiliario urbano (bancos, papeleiras, mesas, cubrecontenedores…) que con posterioridade instalarase en diversos lugares dos respectivos municipios.

Así, no que respecta a Muras, colocaranse na Avenida Unión Murense, na Praza de Vilalba e na aldea etnográfica de Carelle; en Ourol empregaranse para amoblar unha oficina municipal; e no Vicedo distribuirase o mobiliario urbano para reposición o dotación no núcleo urbano, nos núcleos de Congostras e Sacido, así como nas rúa Mondoñedo, Luciano Pérez e Porto, entre outras. Parte dese mobiliario tamén se repartirá entre varios edificios municipais como a Casa Consistorial, o centro sociocultural, o PAI ou mesmo o centro multiusos.

A outra especialidade que se está a impartir é atención sociosanitaria a persoas en institucións, no que participan os oito alumnos traballadores restantes, que están a realizar as súas prácticas na residencia Betania, ubicada en Viveiro.

A delegada territorial puxo en valor o beneficio que reporta aos concellos contar con obradoiros, cos que poden acometer obras ou, como neste caso, dotar ou renovar o mobiliario urbano. “Os concellos pequenos sempre teñen os recursos moito máis limitados e estas iniciativas supoñen un alivio porque, ao tempo que se xeran postos de traballo e se ofrece formación, tamén lles permiten cubrir necesidades en infraestruturas ou dotacións”, explicou.

Raquel Arias tamén exhortou aos alumnos traballadores a aproveitar esta ocasión para mellorar ou completar as súas competencias curriculares porque, segundo recoñeceu, “o mercado laboral é cada día máis competitivo e, por elo, hai que reciclarse ou especializarse todo o posible para estar en condicións de aproveitar todas as ocasións que se presenten”.

2,5 millóns de euros de investimento

A Xunta de Galicia adica en total na provincia de Lugo 2,5 millóns de euros ao desenvolvemento de 15 obradoiros de emprego, dos que se benefician preto de 300 persoas e nos que están implicados 42 concellos.

Na Mariña, ademais do xa mencionado Río Sor III, estanse a impartir catro máis: Sendas de Burela, Cervo e Xove , o Pardo de Cela II, que comparten Foz, Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro; o Serra da Cadeira II, en Barreiros, Lourenzá e Trabada; e un obradoiro YEI -específico para menores de 30 anos- que se está a desenvolver en Foz baixo o nome de Ría do Masma.

A Xunta de Galicia destina ao seu desenvolvemento, no que participan 95 alumnos traballadores, un investimento de preto de 850.000 euros.

16 de outubro de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.