publicidade hoxe

Portos de Galicia acomete a mellora do acceso peonil ás instalacións náuticas de Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+
Visita do presidente de Portos de Galicia a Muxía

Visita do presidente de Portos de Galicia a Muxía

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o porto de Muxía, para comprobar o estado das obras de mellora realizadas nas súas instalacións náutico recreativas. Posteriormente reuniuse con membros da confraría de pescadores e co alcalde de Muxía a quenes anunciou melloras para estas instalacións, tanto para o sector profesional como para o náutico recreativo.

Visitou a recén instalada pasarela de baixada ao porto deportivo que facilita o acceso a estas instalacións de maneira máis cómoda e rápida. Unha actuación valorada en pouco máis de 11.000 euros. Ademais desta obra sinalizáronse por medio de tres balizas especiais os baixos emprazados no acceso ao porto deportivo, atendendo a petición da confraría e concesionario das instalacións náuticas.

Neste sentido, o presidente do ente público, José Juan Durán, manifestou que “estas actuacións de mellora forman parte das obras de conservación, mantemento e seguridade das instalacións portuarias facilitando as condicións de traballo e uso deste porto”.

Neste mesmo acto, o presidente do ente público destacou que o porto deportivo de Muxía, a través do concesionario das instalacións, porá en poucos días en servizo a estación de subministro de combustible, xa rematada. Esta estación conta cun depósito de 50.000 litros, 15.000 para gasolina e 35.000 para diésel, cun surtidor e con 4 mangueiras. Tamén disporá dun remolque para levar e distribuír o combustible ata o pantalán, en caso necesario.

Estas actuacións enmárcanse nos programas de mantemento e conservación das instalacións portuarias e a través delas trátase de mellorar os viais e accesos aos portos para o tráfico rodado e para os peóns, dando resposta ás necesidades dos usuarios que desenvolven a súa actividade neste porto do concello de Muxía.

15 de outubro de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.