publicidade hoxe

Ponte Caldelas aproba rebaixarlle o 50% do ICIO a Aludec a cambio da súa disposición á empregabilidade de parados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

A Corporación Municipal de Ponte Caldelas aprobou no Pleno Extraordinario celebrado onte, a declaración de proxecto de interese municipal a construción dunha nave para oficinas centrais da empresa auxiliar do automóbil Aludec no Parque Empresarial da Reigosa, que conleva un investimento duns 3 millóns de euros e suporá unha ocasión importante para favorecer as posibilidades de empregabilidade no municipio. Asemade, a creacion destes servizos centrais de Aludec na Reigosaimplica que fixará aí a súa sede social e, polo tanto, tamén a futura tributación en Ponte Caldelas por conceptos como o IAE ou o IBI.

Previamente a esta declaración, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, acaba de subscribir coa dirección da empresa un protocolo de colaboración en virtude do cal Aludec mostra a súa disposición explítica a facilitar a empregabilidade a parados censados neste municipio dentro das posibilidades e postos de traballo que poida xeral a empresa.

A ordenanza municipal reguladora do ICIO prevé a posibilidade de bonificación entre o 50 e o 95% na cota de devandito imposto ás construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de “especial interese ou utilidade municipal” por concorrer circunstancias sociais, culturais, historico-artísticas ou de fomento de emprego, como neste caso, que xustifiquen tal declaración. 

Así, o alcalde Andrés Díaz defendeu que se lle aplicara a porcentaxe mínima de bonificación (o 50%) argumentando que a consolidación desta empresa no término municipal de Ponte Caldelas supón unha posibilidade real de creación de emprego, xa que está a medrar a súa produción anual nun 20% co cal ábrese tamén unha amplia posibilidade certa de inserción laboral de desempregados no noso municipio. 

Neste punto suscitouse unha pequena discusión entre o voceiro do PPdeG, Perfecto Rodríguez, e o alcalde Andrés Díaz, a raíz de que o ex rexidor recordou que o PSdeG-PSOE se abstuvera na pasada lexislatura cando se traera a Pleno un convenio similar asinado coa conserveira Orbe. 

Ante esto, Andrés Díaz, lembroulle a Perfecto Rodríguez que a verdadeira razón da súa abstención estivera motivada na falla de concreción do anterior convenio, a ausencia dun compromiso claro de aumento de produción e creación de postos de traballo para persoas residentes e empadroadas en Ponte Caldelas e, sobre todo, “pola ausencia dun modelo que garantira a igualdade de oportunidades para poder acceder aos postos de traballo que puidera ofertar a empresa. Demandábamos un sistema transparente, claro e imparcial onde non foran colocados a dedo os amigos de ninguén e puderan beneficiarse desa oportunidade de atopar traballo tódalas familias con persoas en paro do noso municipio. Agora sí que se garantizan, cun proceso aberto e obxectivo que levará a cabo unha ETT que terá como punto de referencia e por igual aos currículos de tódalas persoas que os depositaron no Concello. Os requisitos explicaráselles por igual ás persoas que asistan á conferencia que se fará no salón de actos do colexio e o Concello tamén contribuirá á igualdade de oportunidades coa posta en marcha, no vindeiro mes de novembro, dun curso de manipulador de alimentos, obrigatorio para acceder a conserveira Orbe”, aclarou Andrés Díaz.

CONVENIO CON PONTEVEDRA PARA MELLORAR O SUBMINISTRO DE AUGA ÁS EMPRESAS DO PARQUE EMPRESARIAL DA REIGOSA 

Por outra banda, tamén se aprobou por unanimidade dos grupos que conforman a Corporación Municipal as cláusulas do convenio co Concello de Pontevedra para a prestación de servizo de abastecemento de auga en alta e o servizo de sumidoiros con destino á EDAR de Praceres, exclusivamente para as empresas do Parque Empresarial da Reigosa.

A necesidade de aprobar este convenio foi o motivo a urxencia de convocar este Pleno Extraordinario toda vez que se produciu un incidente que puxo en serio risco o subministro de auga a empresas do parque empresarial da Reigosa que foi solventado grazas á intervención e boa disposición do Concello de Pontevedra que permitirá que O Campiño conte cunha estación de bombeo propia e A Reigosa con outra dedicada en exclusiva a manter o subministro 24 horas ao día ás empresas instaladas na parte ubicada no municipio de Ponte Caldelas. 

Tódolos grupos agradeceron a colaboración e boa disposición amosada polo Concello de Pontevedra mercede ao cal garántese a seguridade no subministro de auga ás empresas do parque empresarial da Reigosa. Asemade este acordo implicará que se procederá a arbitrar un servizo de cobro de recibos polo consumo das empresas, que deberán abonar e traspasárselle íntegramente ao Concello capitalino para sufragar os custes do servizo. 

A REDUCIÓN DE 8.000 EUROS DO SOLDO DO ALCALDE PERMITIRÁ PAGAR A PERSOAL DO CONCELLO 

Tamén se aprobou por unamimidade a proposta de abono de 48 días da paga extra de decembro de 2012 aos traballadores municipais, así como dos dereitos do persoal do Concello en relación cos días de asuntos propios e vacacións, tal e como determinou o Goberno do Estado nunha medida que o alcalde Andrés Díaz cualificou de “electoralista ante a proximidade da convocatoria electoral do 20-D”. 

Ademáis incrementouse o límite das partidas de horas extras, gratificacións e produtividade que poderán ser asumidas sen menoscabo do equilibrio orzamentario debido á disposición económica en partidas similares grazas á redución en 8.000 euros do salario do alcalde e por non ter cuberta algunha praza laboral do Concello. 

Finalmente, aprobouse cos votos a favor dos grupos no goberno e a abstención do PPdeG a transferencia de crédito 1/2015 entre partidas de diferente grupo de función do orzamento municipal para atender a demanda de Servizos Sociais co fin de incrementar a partida destinada á axuda no fogar de persoas maiores do municipio.

MODIFICACIÓN DO ORZAMENTO MUNICIPAL PARA AXUDAR A PERSOAS MAIORES QUE PRECISAN UNHA ATENCIÓN NO SEU FOGAR 

O alcalde xustificou esta medida ante a necesidade urxente detectada polos Servizos Sociais de un maior número de persoas maiores que precisan dunha asistencia ou axuda no fogar consecuencia natural do paulatino envelecemento da poboación en Ponte Caldelas. O acordo implica destinar uns 10.000 euros previsto para o Consorcio da Xunta, que non foron utilizados neste concepto, e destinalos a axudar ás persoas maiores que o precisan, segundo demanda dos Servizos Sociais do Concello.

23 de outubro de 2015 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.