publicidade hoxe

Os veciños de Cuñas mostran o seu interese polo alcantarillado de Avecil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Os veciños de Cuñas interesáronse polo remate do alcantarillado no barrio de Avecil durante unha xuntanza celebrada na Casa do Pobo e convocada polo alcalde e os seu equipo para explicar o método de funcionamento do novo goberno municipal e recoller suxestións e peticións veciñais para elabora-los orzamentos do vindeiro ano.

A reivindicación principal realizada polos asistentes a xuntanza celebrada na Casa do Pobo de Cuñas xirou arredor da instalación do alcantarillado de Avecil, que se atopa en fase final e que deberá estar rematado antes do vindeiro 12 de novembro. O alcalde explicou que se estaba a acometer o proxecto aprobado polo anterior equipo de goberno, pero que se estaban a realizar algunhas correccións co fin de atender as demandas veciñais, e incluso incorporar algunha vivenda que quedaba fóra no plan inicial gracias á colaboración da empresa que está a executalos traballos.

Tamén a presidenta da Comunidade de Montes, Elvira Crespo, explicou sobre un plano o trazado que estaba a seguir o alcantarillado e pediu ao Concello que non se esquecera ás vivendas que non entraban no proxecto que se estaba a executar e que se tivera en conta para un futuro investidor próximo. 

A petición dun veciño o alcalde, e a presidenta da  Comunidade de Montes, informaron das xestións que estaba a realizar o Concello con varios propietarios de fincas para aproveitar os traballos do alcantarillado para mellora-lo acceso rodado a Cuñas cunha pequena cesión de terreo que permitiría gañar un vial para uso dos residentes na zona. O tema non estaba pechado pero as conversas e as negociacións cos propietarios, segundo sinalaron, albergaba esperanzas de que puderan rematar con bo fin.

Os veciños aproveitaron a presenza do alcalde e o seu grupo de goberno para pedir pequenas reparacións en viais a base de subir arquetas, arranxar reixas que tapan conducións de pluviais, así como unha atención especial ao cemiterio municipal e as áreas recreativas ubicadas en Cuñas que, ao parecer, son “obxectivo constante dos amigos do alleo”, segundo manifestaron. 

PETICIÓN DE MELLORAS NA SEGURIDADE VIAL EN PAZOS 

Por outra banda, o equipo de goberno mantivo tamén unha xuntanza cos veciños de Pazos quen lles manifestaron a súa inquedanza polo retraso no arranxo, por parte da Deputación, dos defectos atopados e denunciados xa polo Concello ao organismo provincial na estrada recén reparada pola Deputación.

O alcalde indicoulles que estaba moi pendente do tema e que, segundo lle confirmaron desde a Deputación, a intervención sería de xeito inminente. “Tanto eu como Lito Muíños, do BNG e veciño voso, estamos moi pendentes de que eses arranxos se leven a cabo canto antes. Polo que nos dixeron ten que ser cuestión de días que os operarios da Deputación realicen os traballos”, sinalou o alcalde Andrés Díaz. 

Os veciños de Pazos preocupáronse por medidas que axuden a mellora-la seguridade vial para garantir a convivencia harmónica entre os usuarios dos coches e os peóns e reclamaron unha serie de traballos de limpeza en camiños e lugares públicos.

26 de outubro de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.