publicidade hoxe

Os Seráns de Baile regresan á Laracha tras o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os Seráns de Baile regresarán mañá sábado ás instalacións da sala de exposicións da biblioteca da capital municipal da Laracha no seu horario habitual, de 18:00 a 21:00 horas. A semana pasada, trala pausa do verán, este evento xa se levara a cabo no centro sociocultural de Paiosaco.

Deste xeito o Concello da Laracha recupera as tradicionais tardes de música, baile e ocio para a terceira idade, ás que están convidados a asistir dun xeito totalmente gratuíto todos os veciños xubilados e pensionistas residentes no Concello.

Aproveitando a dispoñibilidade de instalacións céntricas e funcionais tanto na Laracha como en Paiosaco, altérnase semanalmente o lugar de celebración desta actividade. Así, o primeiro e o terceiro sábado de cada mes –coincidindo coa véspera da feira quincenal de Paiosaco- o lugar de celebración é o salón de actos do centro sociocultural de Paiosaco. O segundo, cuarto e, no caso de habelo, quinto sábado do mes, desenvólvese no baixo da biblioteca municipal da Laracha.

O Concello da Laracha renova un ano máis o seu compromiso co colectivo da terceira idade, ofrecéndolles esta alternativa de ocio por medio da que se lles posibilita optimizar o tempo libre e favorecer as relacións sociais entre persoas dese grupo de idade.

Os Seráns de Baile lévanse a cabo en instalacións amplas, cómodas, funcionais, ben situadas e con dispoñibilidade de aparcamento gratuíto de vehículos nas súas inmediacións. 

9 de outubro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.