publicidade hoxe

Os premios “Comercio con talento” distinguen a tenda Mar de Encuentro en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Sol Vázquez na visita a Mar de encuentro

Sol Vázquez na visita a Mar de encuentro

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento de Carballo Mar de Encuentro un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

Na iniciativa participaron alumnos dos ciclos formativos de grao medio de Comercio e do grao superior de Xestión comercial e márketing de toda Galicia, que propuxeron as candidaturas dos negocios que, ao seu xuízo, son os máis innovadores da súa zona. Un xurado especializado escolleu posteriormente aos diferentes negocios gañadores, e os alumnos que propuxeron a súa candidatura reciben premios para mercar no comercio local.

No caso de Mar de Encuentro, foron propostos por un equipo de alumnas do Ciclo Medio de Comercio do IES Alfredo Brañas de Carballo: Inmaculada Alabarce Mingorance, Sandra Muñiz Souto e Esperanza Barca López.

Mar de Encuentro naceu hai pouco máis de dous anos da man de Ana Écija co obxectivo de achegar o último en moda xuvenil e complementos. Como elemento diferenciador, o local, situado na rúa Valle Inclán, conta cun espazo no que tanto clientes como amantes da arte poden expoñer os seus traballos ou mesmo dar renda solta á súa creatividade. Ademais, periodicamente, no establecemento organízanse diversos obradoiros creativos vinculados ao mundo da moda e da decoración.

A posta en marcha de Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020. Esta folla de ruta, que suma 70 millóns en recursos públicos, busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.

26 de outubro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.