publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O tramo Bóveda-Monforte da Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte ponse en servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLocal PortadaLugoMonforte de LemosPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na inauguración do tramo. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta na inauguración do tramo. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que coa posta en servizo do novo tramo Bóveda-Monforte pertencente á Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte, a circulación a través do sur da provincia de Lugo será máis segura e confortable.

Así se expresaba o titular do Goberno galego no acto de posta en servizo do dito tramo, onde asistiu, xunto coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria.

Como subliñou o responsable autonómico, o impulso desta Vía de Altas Prestacións entre Sarria e Monforte, que conta cun investimento de 135 millóns de euros, pretende atender unha persistente demanda cidadá. De feito, tal e como recoñeceu, “nada disto tería sucedido se non existise un pobo demandando de forma incansable unhas comunicacións propias do tempo en que vivimos”.

O responsable autonómico, destacou tamén que a posta en marcha deste treito de 11,7 quilómetros contribuirá non só a mellorar a calidade de vida dos galegos, senón tamén a mellorar a competitividade de toda esta comarca. “Os galegos estamos máis preto dunha Galicia vertebrada por dentro e conectada por fóra”, engadiu.

Nesta liña, Feijóo lembrou que para este Goberno é prioritario garantir a boa conservación das infraestruturas existentes e completar os grandes eixes da vertebración territorial. Tamén apuntou que ao final desta lexislatura a rede de vías de altas prestacións terá aumentado nun 66% con respecto ao ano 2009, e “deixará o 80% da poboación a menos de 15 minutos dunha desas entradas”.

Finalmente, o presidente da Xunta quixo agradecer o esforzo realizado polo Goberno de España, que investiu 1.200 millóns de euros na rede viaria de Galicia nun dos “períodos de maior escaseza de recursos”.

Apostar polo reequilibrio territorial

O mandatario galego explicou que este Goberno ten situado no centro dos seus esforzos a Lugo, unha realidade que vén de plasmarse nuns orzamentos que dedican un 50% máis de recursos por habitante ás provincias do interior. Sabemos que “paga a pena apostar polo reequilibrio territorial” aclarou.

Nese sentido, Feijóo mencionou como exemplo o Programa de Venda de Solo Industrial, co que se pretende incentivar a actividade e facer fincapé nas comarcas máis necesitadas.

Ademais, o presidente fixo referencia á decisión de incrementar ata o 50% as bonificacións do prezo das parcelas dos parques empresariais de Lugo e vinculouno co feito de que máis da metade dos 380.000 metros vendidos de solo empresarial se adxudicasen nesta provincia.

Ethel Vázquez, pola súa banda, explicou que este trazado é máis seguro, favorece a mobilidade e ofrécelle maior comodidade aos usuarios nos seus desprazamentos. Concretou que nesta actuación incidiuse en dous aspectos sumamente importantes: afastar os tráficos do centro das vilas, aliviando o movemento de vehículos no seu interior; e conseguir un importante aforro de tempo nos traxectos.

A titular de Infraestruturas destacou que a posta en servizo da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte evitará case 16 quilómetros de travesías. Precisou que Lugo e a capital de Lemos quedarán conectadas en pouco máis de media hora, reducindo á metade os tempos de percorrido que se precisaban non hai tantos anos. Neste sentido, engadiu que esta infraestrutura pecha o percorrido entre Lugo e Monforte a través dunha vía de altas prestacións.

Vázquez manifestou que a Xunta traballa para dotar o territorio de máis e mellores oportunidades para facelo máis competitivo, propósito ao que responde outra actuación que tamén se vai poñer en servizo antes de finalizar o ano: a conexión do Porto Seco de Monforte coa estrada LU-933.

Esta nova infraestrutura, cun investimento de máis de 6 millóns de euros, vai supoñer un grande avance na conectividade deste polo industrial do sur de Lugo coas principais arterias de comunicación existentes; co que isto significa de impulso á xeración de emprego e actividade económica en Lemos.

23 de outubro de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.