publicidade hoxe

O Rio Natura Monbus Obradoiro conclúe a pretemporada como campión do I Torneo Fundación Heracles

O Obradoiro gaña o I Torneo Fundación Heracles

O Obradoiro gaña o I Torneo Fundación Heracles

O Rio Natura Monbus Obradoiro pechou a pretemporada con boa nota. Os de Moncho Fernández impuxéronse ao FC Porto no I Torneo da Fundación Heracles (78-64) nunha xornada que serviu para celebrar coa afección os 45 anos de historia da entidade santiaguesa.

Estreouse en pretemporada Waczynski, o home máis aplaudido polo respectable que acudiu a Sar, brillou Yusta, cunha exhibición de coraxe e encandeou Bendzius, máximo anotador do Rio Natura Monbus Obradoiro, que asinou un terceiro cuarto para enmarcar. No bando de Moncho López, sobresaíu Hinrichs, autor de 21 puntos, e Albert Fontet no seu regreso a Compostela. 

A afección coñeceu aos seus xogadores na presentación previa ao partido. Un a un os xogadores foron desfilando polo parquet do Fontes do Sar, recibindo a cálida benvida dos seus seguidores. O gordo levouno Waczynski, moi querido tras a gran tempada que asinou o curso pasado, ilusionante no seu rol de líder tras o seu excelso papel no Eurobasket defendendo as cores de Polonia. Ademais, os xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro fixeron entrega dun obsequio aos seus adversarios, cortesía de Rio Natura. 

Co encontro en marcha, pouco tardou en subir a voltaxe. O que tardou Artem Pustovyi en colocar o primeiro tapón, en aliarse con Tyler Haws para acabar colgado do aro e en irse polo chan para batallar un balón. Non foi a única ocasión na que o “teito” da liga Endesa atopouse co parquet da Caldeira para gañar unha posesión para o Rio Natura Monbus. Souboo apreciar a afección, que non dubidou en agradecer o esforzo do xigante ucraíno.  Mentres, os escintileos de calidade de Donnie McGrath na distribución de xogo levantaron os xestos de admiración na bancada. 

O Rio Natura Monbus Obradoiro mostrouse especialmente lúcido no apartado defensivo. Os homes de Moncho Fernández afogaron ao Porto, con moito acerto na defensa do bloqueo directo. Os homes altos galegos estiveron especialmente móbiles, obrigando aos portugueses a consumir as posesións antes de atopar unha situación de tiro medianamente cómoda (19-10, 1Q). 

No entanto, o tope de decibeis alcanzouse coa irrupción en escena de Adam Waczynski superado o ecuador do primeiro cuarto. O polaco saíu elevado, asistiu e anotou, xogando cómodo para Triguero. O pivote de Gandía estivo contundente en ataque (8 puntos) e intimidou en defensa. Con suspense anotaba o FC Porto, apoiado en Tinsley e Bastos, mentres que na outra zona Caloiaro e Pustovyi circulaban en esférico con velocidade endiablada (33-23).

Na continuación viviuse un duelo estratosférico entre Eimantas Bendzius e Seth Hinrichs. Ambos ofreceron un belo espectáculo, con accións á contra, acerto no tiro exterior e tamén canastras espectaculares. Ao tiro ao límite da posesión do lituano contestou o americano cun aro pasado. Eimantas cravou tres triplos e contribuíu a manter ao Rio Natura Monbus Obradoiro cun cómodo colchón no luminoso. Foron tamén grandes minutos de Angelo Caloiaro, non tanto na faceta anotadora como na repartición de xogo. O novo á-pivote obradoirista mostrouse xeneroso e habilitou ben aos seus compañeiros. Arnette e Tinsley evitaron a sentenza galega (53-42). 

Nos últimos dez minutos acrecentouse a figura de Santi Yusta (13 puntos). O novo beirado, que foi dos máis destacados a semana pasada en Burgos, xogou con atrevemento, anotou desde a esquina e atacou a zona, forzando faltas persoais que o levaron á liña de tiros libres. A maiores, asinou un gran encontro na retagarda, con varios roubos que levaron ao Rio Natura Monbus Obradoiro a relacionarse cos vinte puntos de renda.

O partido achegábase ao seu fin e galegos e portugueses procederon a un último intercambio de golpes. Estiveron máis acertados os de Moncho López, que maquillaron o resultado con Bessa e Fontet como líderes, pero non restaba tempo para unha proeza maior. Nada puido impedir ao Rio Natura Monbus Obradoiro alzarse co trofeo de campión da Funación Heracles, recibido polo capitán Chagoyen. Despois da foto de familia cos dous clubs hermanados, Sar despediu con ovación ao Rio Natura Monbus. Devolveron o aplauso os santiagueses, citando á afección para o primeiro compromiso oficial da tempada. Dentro de sete días arrinca a liga Endesa. Visita o Fontes do Sar o Baloncesto Sevilla (domingo, 13:00 horas).

5 de outubro de 2015 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.