publicidade hoxe

O programa ‘Venres nas librarías’ despide outubro en Lugo, Vigo, Moaña e Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMoañaSantiago de CompostelaVigo
A-
A+

O programa ‘Venres nas librarías’ despide o mes de outubro con novas actividades para promover o libro e a lectura, a través de encontros literarios e musicais con autores e autoras que se desenvolverán entre hoxe e é mañá sábado nas localidades de Lugo, Vigo, Moaña, Santiago de Compostela e Moaña.

Promovida polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía, Emprego e Industria –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Comercio–, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, a iniciativa contará esta semana coa participación dos autores e autoras María Reimóndez, Suso Lista, Paco Rivas, Francisco Antonio Vidal, José Julio Fernández, Fran Amil e mais As Maimiñas.

María Reimóndez e Mercedes Peón, en Lugo

A programación de hoxe abriraa en Lugo, ás 19:00 horas, a tradutora e escritora María Reimóndez, que estará acompañada pola artista Mercedes Peón e polo director de Xerais, Manuel Bragado, para presentar na libraría Trama ‘A música dos seres vivos’, unha novela na que a tradutora e escritora convida á reflexión a través da súa protagonista, MK, unha popular e exitosa cantante.

Lugo recibe a Paco Rivas e As Maimiñas

Na libraría O Pontillón, no concello de Moaña, estará hoxe ás 20:00 horas Paco Rivas, acompañado do editor Cándido Meixide, para presentar a súa obra ‘De punta a chicote. Así falan os mariñaos’ (Edicións do Cumio). Nesta obra, publicada o pasado mes de agosto, o filólogo e escritor de Cervo ofrece unha contribución á lexicografía e etnografía mariñeira, con locucións, ditos e refráns, froito de moitos anos de recollida de material a pé de porto.

Na mesma libraría, mañá sábado, As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez– ofrecerán un pequeno concerto para presentar a súa obra ‘Unha viaxe polo mundo’ (Editorial Galaxia). Con este libro-disco, as moenses farán viaxar os máis pequenos, a través da música, arredor do mundo, nun encontro literario que terá lugar ás 12:00 horas.

Novas actividades en Vigo

A cidade de Vigo volve ser esta semana escenario do programa, con dúas actividades. Hoxe, ás 20:00 horas, o actor, escritor e percebeiro Suso Lista estará ás 20:00 horas na libraría Cartabón. Nun encontro literario, xunto co editor Miguel Toval, debullará a súa obra ‘Xeixos’ (Edicións Embora) e os trinta relatos que a conforman, a través dos que desvela o mundo enteiro. Ás 19:30 horas, José Julio Fernández dará a coñecer a súa obra ‘Astropal. Un cometa con corazón’ (Hércules de Ediciones)’ en Casa del Libro. Contará para iso coa complicidade de Clara e Sabela Neira, dúas nenas que serán as encargadas de guiar o coloquio entre o autor e o seu convidado, Juan José Vázquez-Portomeñe.

Propostas para grandes e pequenos na capital galega

A programación do mes de outubro de ‘Venres nas librarías’ complétase con dúas actividades na capital de Galicia. A primeira delas será hoxe, ás 19:30 horas, na libraría Pedreira, onde Francisco Antonio Vidal presentará ‘O coitelo de pedra fundida’ (Toxosoutos), unha obra ambientada no Calcolítico que aborda a revolución social que supuxo o descubrimento da fundición e de como os novos obxectos fabricados a partir dela se converten en elementos de luxo e de poder.

Finalmente, mañá sábado, ás 12:00 horas, a libraría compostelá Aenea tamén será o escenario do pequeno concerto que ofrecerá Fran Amil para dar a coñecer o seu libro-CD ‘Un conto do revés’ (Editorial Galaxia), co que convida os máis novos a participar nunha aventura singular para ler, escoitar e soñar.

Máis de 80 actividades literarias e musicais

Desde a súa posta en marcha o pasado 2 de outubro e ata o 28 de novembro, o programa Venres nas librarías ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos, que se realizarán semanalmente os venres e os sábados. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.

As librarías, punto de encontro

Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– son o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras, e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas, nas que se promove a participación activa de público de todas as idades.

Concursos nas redes sociais

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso Andel do agasallo. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a fala. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial. O concurso realízase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook www.facebook.com/CulturaGalegaXunta.

30 de outubro de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.