publicidade hoxe

O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Vedra estudan melloras na rede viaria do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVedra
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, con quen analizou diversas cuestións relativas á colaboración entre ambas as dúas administracións.

González Formoso e Martínez Carrillo estudaron melloras na rede viaria do municipio, entre elas as obras da DP8203 Vedra-Santa Lucía, que están actualmente en estado de execución e nas que a Deputación da Coruña inviste 1.291.037 euros para financiar uns traballos que comprenden a ampliación da estrada ata a N-525 e a construción dunha nova ponte.

Tamén trataron o proxecto de mellora e ampliación a DP 8901 de Gaiosa a Ponte Sarandón, que ten pendente o cambio dunha ponte sobre a vía do tren co obxecto de mellorar a seguridade viaria na zona, e que comprendería a ampliación duns 800 metros a través do Plan de conservación durante o presente ano, e a construción doutros 300 metros de travesía ata enlazar coa estrada da Xunta, que podería abordarse durante o 2016. Despois quedaría unha segunda fase para a ampliación duns dous quilómetros da vía, ata Ponte Sarandón.

Apoio ao Viño da Ulla

O presidente da Deputación comprometeuse a manter o apoio que dende hai anos vén prestando á Festa do Viño da Ulla, o único con denominación de orixe da provincia, e a estudar accións de promoción da Ruta do Viño que discorre polos concellos de Vedra, Boqueixón e Teo. Así mesmo, valorarase a petición do alcalde de incluír os produtos desta zona nas accións promocionais de produtos coruñeses que a institución provincial negocia coa Vuelta Ciclista a España.

Investimento en POS e PAS

Martínez Carrillo solicitou tamén ao presidente provincial que manteña a subvencións para as brigadas de obras municipais, “que son de grande utilidade para concellos como o noso” e destacou a “importancia” que programas como o POS e o novo Plan de acción social (PAS) teñen para axudar ao mantemento das infraestruturas municipais.

Neste sentido, González Formoso avanzou que o Pleno do vindeiro 8 de outubro aprobaranse os investimentos deses dous plans provinciais, que reparten con criterios obxectivos máis de 57 de millóns de euros entre os 93 concellos da provincia.

No caso de Vedra, recibirá en total 464.147, 11 euros, dos que 196.369,93 corresponden ao Plan de obras e servizos (POS 2016) e 267.777, 18 euros para investimentos contemplados no Plan de accións social (PAS 2015), recentemente presentado polo Goberno provincial.

5 de outubro de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.