publicidade hoxe

O presidente da Deputación continúa en Cedeira e Fene a súa rolda de visitas aos concellos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeiraFene
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, continuou hoxe en Cedeira, Narón e Fene a súa rolda de visitas institucionais aos concellos da provincia.

O presidente provincial visitou a primeira hora desta mañá o Concello de Cedeira, onde foi recibido polo alcalde da localidade, Pablo Moreda Gil. Ambos mandatarios repasaron durante unha hora asuntos relativos ás necesidades do municipio nos que o organismo provincial podería colaborar, así como aos avances realizados polo goberno cedeirés na asignación dos proxectos e iniciativas que se financiarán a cargo dos Plans de Obras e Servizos (POS) e de Acción Social (PAS), recentemente aprobados pola Deputación e que suporán unha achega total de 564.720 euros para o municipio.

O rexedor cedeirés plantexou ademáis a necesidade de ampliar e mellorar a seguridade da estrada provincial que vai a San Andrés de Teixido, e que debido á súa escasa anchura produce problemas de circulación cando se cruzan autobuses ou vehículos de gran tamaño, unha demanda que o presidente da Deputación considerou “lóxica”, polo que se comprometeu a estudala “para ver se a podemos asumir neste mandato”.

O alcalde Pablo Moreda interesouse tamén pola posibilidade de que a Deputación impulse un plan de emprego que permita ao concello contratar persoal ante as restriccións que impón a “Lei Montoro”. Neste sentido, González Formoso afirmou que a proposta “coincide coa nosa prioridade, que é contribuir á creación de emprego” e afirmou que se trata “dunha liña interesante que moitos alcaldes da provincia valoran”.

Ao remate do encontro, o presidente da Deputación asinou no Libro de Honra do consistorio cedeirés, onde expresou os seus mellores desexos ao goberno local e aos veciños “da vila azul e verde da miña infancia”.

Visita a Fene

A xornada rematou cunha visita ao Concello de Fene, onde foi recibido polo alcalde Juventino Trigo e por boa parte dos concelleiros do Goberno local.

Durante a xuntanza no Concello tratouse, entre outros, asuntos a posibilidade de que Fene destine parte dos 588.611 euros que recibirá da Deputación a través do POS e PAS á renovación de servizos e beirarrúas na Avenida das Pías, dende San Valentín ata o cruce de Fene.

Nesta primeira reunión abordouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, un proxecto mancomunado cos concellos de Cabanas, Ares e Mugardos, que está pendente dun informe da Deputación para a súa posta en funcionamento.

O alcalde fenés expuxo tamén ao presidente provincial a situación do naval en Fene e demandou o compromiso de todas as administracións para esixir carga de traballo para o asteleiro.

Ao remate da visita, González Formoso, Juventino Trigo e o concelleiro de Obras, Antón Noceda, desprazáronse ata a estrada provincial que pasa fronte ao Instituto de Fene, onde o goberno local demanda actuacións para mellorar a seguridade vial e para facilitar a entrada, saída e aparcamento dos autobuses do centro escolar.

29 de outubro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.