publicidade hoxe

O Pleno de Brión aproba actualizar as ordenanzas fiscais de acordo ao previsto no Plan de Saneamento aprobado en 2009

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria de outubro do Concello de Brión, xa que todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Así, todos os grupos municipais fixeron valer o acordo tomado polo pleno en xuño de 2009, data na que se aprobou o Plan de Saneamento Económico e Financeiro que establecía as actualizacións das distintas taxas municipais nos seguintes anos.

Deste xeito e a partir do 1 de xaneiro de 2016, o imposto sobre bens inmobles pasa do 0,46% ao 0,47%; o coeficiente do imposto sobre vehículos de tracción mecánica pasa do 1,16 ao 1,17; e o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana actualízase ao 2,64% (sobre o 3,7% máximo que permite a lei) e a taxa do lixo medra unha media de 13 céntimos.

Por outra banda, a taxa pola subministración de auga reducirase nun 0,5%, de acordo coa baixada do IPC. E é que a taxa de abastecemento de auga non está incluída nas actualizacións previstas dentro do Plan de Saneamento Económico Financeiro, senón que depende da evolución do IPC.

O pleno aprobou a modificación da ordenanza fiscal reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos culturais, educativos, deportivos e de ocio, que supón un cambio na xestión dos mesmos e substitúen ao modelo de autoliquidación. Así mesmo, aprobouse unha nova ordenanza fiscal reguladora do prezo público das instalacións deportivas municipais, que sinala que as asociacións que queiran utilizar de balde as instalacións deberán estar rexistradas no Rexistro de Asociacións do Concello de Oroso. 

Finalmente, aprobouse por urxencia a devolución de 47.000 euros ao Estado correspondente aos ingresos realizados no ano 2013. A devolución realizarase ao longo de dez anos sen intereses.

Mocións BNG 

Na quenda de mocións, aprobouse unha proposta de Amnistía Internacional de apoio aos refuxiados e o alcalde de Brión, José Luís García, anunciou a posta en marcha dun rexistro municipal de familias de acollida no que se poderán apuntar todos aqueles veciños e veciñas que estean interesados en acoller a refuxiados. O BNG tamén sacou adiante por unanimidade unha moción para que se incremente a formación que reciben os membros de Protección Civil para loitar contra a avespa velutina.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do BNG para mellorar a limpeza e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural de Brión. José Luís García puntualizou que en determinados lugares, como o Pazo de Trasouteiro, o Concello non pode actuar ao ser un ben particular. Porén, comprometeuse a falar cos veciños para proceder á limpeza da contorna das mámoas de Rañalonga e do castro Lupario, así como a retomar as negociacións coa Deputación para que se faga cargo do acondicionamento das Torres de Altamira, propiedade do organismo provincial. “As Torres son da Deputación e ata o de agora non fomos quen de facer nada aló. Espero que agora si poidamos facer algo”, explicou o alcalde brionés.

A última moción do BNG, na que pedía que todos os partidos políticos de Brión tivesen unha páxina na revista Altamira, foi rexeitada cos 9 votos en contra do grupo de Goberno, fronte aos 4 votos a favor do PP e do BNG. O alcalde explicou que “non me parece mal incluír enlaces na web aos grupos municipais pero non imos abrir Altamira aos partidos porque é unha revista municipal, non partidista”. 

Mocións PP

Pola súa banda, o PP presentou dúas mocións. A primeira instaba ao Concello a converter en vía de sentido único a rúa que pasa por diante do CEIP de Pedrouzos e o IES Brión para evitar as retencións de tráfico que se producen durante as horas de entrada e saída, a pesar da intervención da Policía Local. O alcalde tomou nota da proposta e comprometeuse a trasladala aos técnicos competentes para que tomen unha decisión, polo que a moción non chegou a votarse.

A que foi rexeitada foi a proposta do PP de adhesión á campaña 100% galego da Xunta de Galicia. No seu lugar foi aprobada por unanimidade unha moción do PSOE en defensa do sector lácteo galego, no que se manifestaba o compromiso do Concello de Brión co sector gandeiro e no que se instaba á Xunta e ao Goberno Central a garantir a recollida do leito, a mellorar o prezo en orixe e a realizar unha campaña para evitar as vendas a perdas. 

21 de outubro de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.